O 5 de maio preséntase en Ribadeo "As covas do Rei Cintolo", publicación editada por Lar, que recolle un libro de Daniel Cortezón e un cómic de Suso Peña co mesmo título.

Libros Lar editou a publicación As covas do rei Cintolo, na que se recolle de forma facsimilar un libro de Daniel Cortezón, do ano 1956, e un cómic de Suso Peña, as dúas obras co mesmo título. A presentación celebrarase este vindeiro venres, día 5 de maio, ás 20:15 horas na Casa das Letras, de Ribadeo. No acto intervirán o editor, Manuel López; o cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa; o concelleiro de Cultura de Ribadeo, Farruco Graña; e a deputada provincial responsable da Área de Cultura, María Pilar García Porto. Tamén asistirán as viúvas dos ribadenses Daniel Cortezón e Suso Peña, Mati e Carmucha.

O editor explicou que “a publicación consiste en reunir nun único volume dúas obras de dúas persoas coas que me uniu unha fonda amizade por moito tempo e que á súa vez eran moi amigas entre elas: Daniel Cortezón e Suso Peña. A primeira novela de Daniel Cortezón, As covas do rei Cintolo, que publicou Editorial Galaxia no ano 1956, levaba esgotada desde pouco tempo despois e grazas ás xestións que fixo a súa viúva, Mati, Editorial Galaxia permitiunos facer unha reprodución facsimilar para reeditar esta obra. Por outra parte Suso Peña tiña un breve cómic de 8 páxinas, que se titulaba La cueva del rey Cintolo porque estaba escrita en castelán, e pareceunos oportuno reunir estas dúas obras nun só libro”.

Manuel López engadiu que esta publicación “contén dúas partes: unha primeira, máis extensa, que reproduce a obra de Daniel de forma facsimil, ou sexa exactamente coa mesma tipografía coa que publicou Editorial Galaxia; e a continuación reprodúcese o cómic A cova do rei Cintolo, porque o traducimos ao galego. Probablemente é o último cómic que debuxou Suso e foi unha colaboración que lle pediron para unha revista de cómic que se chamaba Comix, da editorial Toutain. Incluso creamos unha tipografía, que lle chamamos familiarmente Suso Peña, para reproducir os textos en galego coa letra orixinal de Suso que se emprega nos bocadillos do cómic”.

O editor comentou tamén que “a empresa Gráficas Lar para ter a capacidade de facer determinadas iniciativas editoriais puxemos en marcha Libros Lar e esta publicación faise ao amparo do noso selo editorial. E quero mencionar o apoio da Deputación Provincial porque dunha tiraxe de 500 exemplares a Deputación fíxonos un pedido de 200 libros, o que reverte en que o resto, que se colocan á venda nas librerías, se poñan a un prezo bastante popular, que son 10 euros cada exemplar”.

E Mati González manifestou: “pienso que sería un orgullo enorme para Daniel y para Suso estar juntos en un libro, con lo amigos que eran, y encima editado por otro gran amigo de ellos, como es Manolo. Es una pena que no puedan disfrutarlo en vida pero supongo que alguna onda les llegará”.