O 8 de setembro chega ás librarías a novela "A montaña do poeta", do alfocés Lionel Rexes. Xerais publica esta obra.

O día 8 de setembro chega ás librarías A montaña do poeta, a novela do alfocés Lionel Rexes, galardoada no Grove co Premio “Lueiro Rey” de Novela en decembro de 2021.
 
Publicada por Xerais, esta obra ambiéntase en escenarios tanto rurais coma urbanos, desenvolvendo a súa trama principal nun lugar imaxinario chamado Lagoa, unha poboación onde o desequilibrio demográfico irá favorecendo curiosas relacións sociais.
 
O argumento, emparentado co thriller de conspiración, parte dun suceso do pasado para instalarse na actualidade e desenvolver unha acción de alta intensidade.
 
É pouco coñecido o vínculo do escritor Antonio Noriega Varela, alcumado popularmente como “O poeta da montaña”, cunha vetusta construción situada no Alfoz do Castrodouro. Deste feito real parte unha ficción absolutamente contemporánea, unha trama que recrea o ocaso dun rural onde a mocidade loita por atopar oco e os anciáns, acompañados dos seus cans, matan o tempo morto legando a bagaxe da vida. No medio desta existencia rutineira, un suceso con esencia ideolóxica sacudirá a dinámica do municipio.
 
O autor xa gañara o mesmo premio hai cinco anos coa novela A raíña das velutinas, obra que tamén fora publicada por Xerais en 2017 e gozara dunha segunda edición ao ano seguinte.
 
A información ao redor do lanzamento deste título irá publicándose no perfil de Facebook “Lionel Rexes Creación Literaria”, onde xa figuran textos explicativos do autor e algunhas imaxes vinculadas coa trama da novela.