O auditorio de Ribadeo acollerá un concerto homenaxe ao fotógrafo José Suárez o 23 de abril e o 24 Teatro do Atlántico presentará Libre coma os paxaros con María Barcala.

O Concello de Ribadeo organiza o concerto José Suárez. Suite para unha vida que se celebrará este sábado, 23 de abril, ás 20:00 horas no Auditorio Hernán Naval. O prezo da entrada é de 5 euros e 3€ a reducida.

Este proxecto nace coa idea de homenaxear a vida e a obra de José Suárez, tal vez o fotógrafo galego máis recoñecido internacionalmente. José Suárez é un fotógrafo singular dentro da fotografía histórica galega e as súas imaxes teñen unhas características moi definidas que lle dan un claro carácter de autor.

A obra consiste nun concerto de música orixinal escrita para guitarra eléctrica, arpa e teclado, e mentres é executado realízase unha vídeo creación en vivo con fotografía orixinal dixitalizada así como fragmentos de 8mm tamén dixitalizados para a ocasión. Conta coa dirección artística do músico Rafael Fernández e estase a elaborar de man co sobriño do fotógrafo, Xosé Luis Suárez Canal.

O domingo, 24 de abril, Teatro do Atlántico presentará Libre como os paxaros. A representación terá lugar no Auditorio Hernán Naval ás 20:00 horas e a entrada será libre.

María Barcala pon en escena un espectáculo baseado en textos de Rosalía de Castro engarzados con outros materiais que conforman unha vía pola que transitar o pensamento da nosa autora e o seu compromiso diante dos acontecementos protagonistas na sociedade do seu tempo e que son sorprendente reflexo dos que hoxe nos acucian.

Esta representación está organizada pola Área de Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa colaboración do Concello de Ribadeo.