O auditorio municipal de Burela acolle unha gala musical solidaria contra o cancro o 27 de xaneiro

O auditorio municipal de Burela acollerá unha gala musical solidaria contra o cancro o día 27 de xaneiro, sábado, ás sete da tarde. Está organizada pola asociación Esperanza e o grupo musical Acordeonistas da Mariña, que actuará no evento xunto a Acordeóns Terras do Miño, Begoña López, Lino Rico e Diavolinos.

A recadación será doada para a investigación do cancro. O prezo da  entrada é de 5 euros e inclúe un número para o sorteo dunha cesta de peixe valorada en 250 euros. Pódense adquirir anticipadamente na tenda Cinza, de Burela, e os mércores no local da asociación Esperanza ou na taquilla do auditorio o día da gala.