O Concello de Burela convoca o Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2026. O prazo para participar está aberto ata o 11 de maio

O Concello de Burela, a través da Biblioteca Pública Municipal, convoca o Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2026 na súa fase local, unha iniciativa dirixida á cativada e mocidade da vila. Baixo o lema Medrar lendo, o certame “convida ás nenas e nenos a reflexionar sobre a importancia dos libros ao longo da vida, lembrando aqueles momentos nos que a lectura se converteu nunha compañeira esencial para entender o mundo, sentirse acompañado ou deixar voar a imaxinación”. Poderán participar menores de ata 16 anos en tres categorías de idade (ata 8 anos, de 9 a 11 e de 12 a 16), tanto na modalidade de narración como na de debuxo. O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro 11 de maio e as obras deberán entregarse na Biblioteca Municipal.

Un xurado especializado seleccionará un máximo de tres traballos por categoría e modalidade e as propostas premiadas nesta fase local participarán posteriormente na fase provincial do certame, convocada pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

A concelleira de Cultura, Lina Gómez, destacou que “este certame é unha oportunidade para que os rapaces e rapazas de Burela expresen a súa relación cos libros e coa lectura, ao tempo que se reforza o uso do galego dende idades temperás”. Ademais subliñou que “no contexto das Letras Galegas, iniciativas como esta cobran un valor especial, xa que permiten achegar a nosa lingua e a cultura ás novas xeracións dun xeito creativo e participativo” e animou á mocidade do municipio a participar.