O Concello de Burela ofrece actividades para a infancia e as familias os días 31 de marzo e 1 de abril co programa “Pascua con Gaia”

O Concello de Burela presenta unha nova edición de Pascua con Gaia, un programa de actividades para a infancia e as familias que se desenvolverá os días 31 de marzo e 1 de abril en distintos espazos do municipio.

O martes 31 de marzo ás 11:30 horas no Parque Rosalía de Castro terá lugar unha busca de ovos de Pascua, “pensada para a cativada e que promove o xogo ao aire libre e o contacto coa contorna natural”.

O mércores 1 de abril, ás 11:00 horas, a Casa da Cultura acollerá o obradoiro Crea a túa mona de Pascua de feltro, dirixido a persoas adultas ou a nenos e nenas acompañados, fomentando a creatividade mediante materiais e actividades manuais. A participación nesta actividade require inscrición previa no correo electrónico gaia@burela.org ou no teléfono 647.136.673.

A concelleira Lina Gómez, responsable da Aula Medioambiental Gaia, destacou: “con esta programación queremos achegar á infancia a importancia de gozar do noso entorno natural dun xeito lúdico e educativo, promovendo valores de respecto polo medio ambiente, creatividade e convivencia en familia”.

Dende o Concello de Burela animan ás familias a participar nesta programación, que “busca ofrecer alternativas de lecer educativo durante as datas de Pascua e fomentar hábitos de participación activa e respectuosa coa contorna”.