O Concello de Cervo anima a asistir o 17 de febreiro á Festa da Candelaria de Rúa, aprazada polo temporal.

O Concello de Cervo anima a todo o mundo a asistir mañá á parroquia de Rúa, que acollerá as Festas da Candelaria, suspedidas parcialmente no seu día, a consecuencia do forte temporal que afectou a Galicia o pasado 4 e o 5 de febreiro, cando estaba prevista unha boa parte da celebración.

Neste senso, tiveron que cancelarse as actuacións programadas o sábado á noite e o domingo.

A cita será a partir das dez da noite, e a verbena correrá a cargo das orquestras Suavecito –que tivo que deixar de tocar o sábado á noite forzada polas inclemencias meteorolóxicas- e Los Player´s. 

Haberá unha carpa cuberta totalmente pechada e con calefacción.

Neste senso, dende o Concello de Cervo, a edil de Turismo, Manuela Méndez, quixo agradecer “o esforzo e traballo que dun xeito altruista realiza sempre a comisión de festas, que nesta ocasión tivo que ver, como, por razóns de forza maior, o seu traballo quedou en certo modo lastrado, pero grazas ao esforzo conxunto e ao seu tesón, Rúa terá unhas festas completas, como merece”.