O Concello de Cervo habilita unha aplicación web para reservar as pistas de pádel da Veiga.

O Concello de Cervo vén de dixitalizar o proceso de reservas das dúas pistas de pádel municipais situadas no complexo da Veiga.

Así, deste este luns, as persoas interesadas xa poden acceder ao espazo de reservas de Espazos Deportivos  https://reservas.concellodecervo.com/, crear o seu usuario, e seleccionar o día e a franxa horaria que mellor se adapte ás súas circunstancias. Unha vez realizado o pago da pista recibirán un correo eléctrónico que acredita dita reserva.

Unha vez realizado o trámite, as chaves da instalación estarán a disposición das persoas usuarias na piscina municipal en horario de 10:30 a 13:30 horas, de luns a venres; e de 10:30 a 13:30 horas, os sábados (durante o verán). Un horario que se amplía no inverno sendo de 9:00  a 15:00 horas e de 16:00 a 22:00 horas (de luns a venres) e de 9:00 a 13:30 horas e de 17:30 a 20:30 horas, os sábados.

Tal e como explicaron o rexedor, Alfonso Villares, e o edil de Deportes David Rodríguez, “levamos meses traballando para poder ofrecer este servizo ás persoas usuarias destas instalacións municipais que temos en ns Veiga co obxectivo de axilizar o proceso de reserva, e simplificar o procedemento” –xa que ata o de agora as persoas usuarias debía achegarse ata o Concello de xeito presencial para facer o trámite-.

Esta aplicación –explican- “permite dar un novo salto de calidade ás nosas instalacións, tendo en conta tamén o recente investimento que fixemos nas propias pistas de pádel”. Unha actuación que consistiu en cubrir a pista que carecía de protección; e pecháronse as dúas lateralmente a partir dunha altura de 2,45 metros, “co que as condicións de xogo melloraron substancialmente, podendo utilizar as pistas sexa cal sexa a situación meteorolóxica”.