O Concello de Cervo programa para esta Semana Santa actividades para todos os gustos e para todas as idades. Haberá música, xogos ou inchables.

O Concello de Cervo programa para esta Semana Santa actividades para todos os gustos e para todas as franxas de idade. 

Neste senso, tal e como vén sendo habitual durante as vacacións escolares, a delegación de Educación volve poñer en marcha unha nova edición do programa concilia para colaborar coas familias nestas datas de descanso lectivo das crianzas. Será os días 3, 4 e 5 de abril, en horario de 8:30 a 14:30 horas, na Casa do Mar e hai inscritos corenta nenos/as. 

Villares recordou que se trata dun programa que é xa un referente dentro da programación das vacacións escolares como “ferramenta para botarlle unha man ás nais e pais nesas épocas, ao tempo que os/as nenos/as tamén aprenden e desfrutan compartindo a experiencia con outros compañeiros”. 

Eses mesmos días 3, 4 e 5 tamén haberá xogos xuvenís na Praza dos Campos, en horario de 11:00 a 14:00 horas, e de 17:00 a 20:00 horas. O luns 3, ás 19:30 horas na Praza do Souto está prevista a actuación infantil “Merlín”. 

O martes 4, será Marta Doviro a que compartirá co público no auditorio da Casa da Cultura o seu monólogo “memorias dunha rapasa da costa”, ás 20:30 horas. 

O mércores 5, David Catá ofrecerá un concerto no auditorio da Casa da Cultura, ás 21:00 horas. 

O xoves 6 de abril, haberá un tributo a Bob Marley, ás 13:30 horas, na Praza dos Campos; e o venres á mesma hora a sesión vermú correrá a cargo nesta mesma praza do Grupo de Música de la O, ámbalas dúas citas dentro do ciclo de concertos “a caixa da música”. 

O sábado 8 de abril, terá lugar a Gran Festa das Xeracións, organizada polo club de trail A Fume de Carozo, coa colaboración do Concello de Cervo. Será na carpa instalada na Praza dos Campos, en horario de 14:30 a 23:00 horas. 

O domingo, a asociación de veciños do Burgo de Trasbar organiza, coa colaboración do Concello, a Pascua, con xantar popular na carpa instalada na explanada do local social. 

Ademais, o Concello de Cervo tamén pon a disposición das persoas que o desexen, bicis eléctricas en aluguer, os días 6, 7, 8 e 9 de abril, en horario de 11:00 a 14:00 horas, e de 17:00 a 20:00 horas, na Praza dos Campos; e haberá inchables infantís para os máis pequenos na Praza do Souto, en Cervo, o 6 e o 7 de abril, en horario de 17:00 a 20:00 horas. 

Desde o Concello de Cervo convidan a veciños e visitantes a desfrutar desta Semana Santa no municipio, na que a diversión está garantida.