O Concello de Mondoñedo incentivará o interese pola música cun proxecto entre a Escola Municipal O Pallarego e o CEIP Álvaro Cunqueiro.

O Concello de Mondoñedo porá en marcha o proxecto “Cada neno un instrumento”, coordinado entre a Escola Municipal de Música “OPallarego” e o CEIP Álvaro Cunqueiro Mora, que ten como finalidade incentivar o interese pola música entre o alumnado en idades temperás, así como achegar o proxecto da Escola de Música aos nenos.

O edil de Educación, Alberto García, e a profesora da Escola de Música, Xulia Nogueira, presentaron esta mañá o proxecto, que botará a andar na cidade no mes de outubro, e que xa se está a desenvolver con éxito en Alemaña. 

A través deste programa permítese que o nenos recibanno centro educativo, e de xeito gratuíto, clases dun mestre da Escola de Música.En concreto, no caso mindoniense, esta iniciativa dirixirase ao alumnado de 3º e 4º de Primaria e consistirá en que, unha vez cada quince días, un mestre da Escola de Música (coordinado co profesor do colexio) desprazarase ao centro educativo a ofrecer clase aos nenos durante o horario escolar asignado á materia de música. 

Ademais, segundo indicou o edil de Educación,durante o desenvolvemento desta iniciativa, os nenos que o desexen poderán participar nalgún acto musical conxuntamente cos alumnos da Escola de Música, o que permitirá ao alumnado coñecer máis de preto tanto o funcionamento da Escola como o que supón poñer en práctica o aprendido ante un público.

Alberto García asegurou tamén que, “sendo novo no noso pais, proxectos similares estanse a desenvolver en países cunha ampla tradición musical como pode ser o caso alemán onde, entre outros,figura o coñecido como proxecto Jeki, que está a ter gran éxito, xa que os nenos escollen os instrumentos que máis lles gustan e a través deles experimentan coa música”.

Pola súa banda, Xulia Nogueira precisou que este proxecto ten o obxectivo de “intentar espertar o interese pola música en idades máis temperás das que soen ser habituais, achegando a Escola de Música aos centros educativos, e buscando tamén que os nenos se animen a sumarse ao proxecto da Escola municipal”.