O Concello de Ourol organiza unha exposición fotográfica e un taller o 8 de marzo para celebrar o Día da Muller

O vindeiro 8 de marzo, co gallo da celebración do Día Internacional da Muller, o Concello de Ourol organiza un taller e a exposición titulados "Sobre as nosas cabezas". Esta mostra recolle imaxes de mulleres de diferentes países porteando nas súas cabezas. Unha imaxe típica galega, pero que tamén se pode ver noutras zonas do mundo como Cabo Verde, Brasil, Haití, República Dominicana, India...

O Concello de Ourol explica que “a artista Cristina González, que asina a súa obra como Cristina Castro en honor ó lugar onde naceu, estará con nós para contarnos como xurde este proxecto que nace en Guinea Bissau e que a leva a profundar nesta imaxe de mulleres porteadoras desde un punto de vista sociolóxico e artístico. Todos lembramos ás nosas avoas ou ás nosas nais porteando produtos do campo na súa cabeza para levar ás feiras ou ó mercado; facíano cunha destreza impresionante e sen perder nunca a carga, un traballo digno de admiración e que queremos poñer en valor desde o Concello de Ourol. Invitamos a todas as persoas que queiran asistir á inauguración desta exposición o día 8 de marzo as 16:30 horas na Biblioteca de Ourol, con entrada gratuíta. Para o taller é necesaria a inscrición previa no teléfono 982.55.91.09”.

A mostra estará exposta na Biblioteca Municipal de Ourol do 11 ao 11 de marzo de 10:00 a 13:30 horas.