O Concello de Ribadeo celebra o Día de Rosalía de Castro coa realización dun mural.

O Concello de Ribadeo celebra hoxe o Día de Rosalía de Castro e ten previsto realizar un mural de Concepto Circo, pero o espazo elixido está pendente aínda do informe de Patrimonio.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, dixo que “o Concello de Ribadeo, como ven facendo os últimos anos, celebra o Día de Rosalía de Castro hoxe, 24 de febreiro, data do nacemento da escritora en Santiago de Compostela en 1837. É unha data conmemorativa, impulsada en 2011 pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e á que cada ano se suman máis entidades”.

A edil ribadense explicou que “este ano o Concello ten previsto a realización dun mural do grupo Concepto Circo, pero o espazo elixido está pendente aínda do informe de Patrimonio. A nosa entidade local acolleuse á convocatoria da Área de Cultura da Deputación de Lugo na que se posibilita que os Concellos, que así o soliciten, poidan dispor dunha actividade para celebrar a efeméride. No ámbito da obra mural que solicitamos propóñense modelos de obras orixinais coa mestura de diferentes técnicas”.

Pilar Otero lembrou a Rosalía recitando uns versos de Follas Novas “moi acaídos neste ano tan especial e neste momento no que parece que por fin albiscamos novos tempos. Triste o cantar que cantamos máis que facer se outro mellor non hai, moita luz deslumbra os ollos, causa inquietude o moito desexar, cando unha peste arrebata a homes tras homes non hai máis que enterrar deprisa aos mortos, baixala frente e esperar que pasen as correntes apestadas, que pasen que outras vendrán. Feliz Día de Rosalía”.