O Concello de Viveiro colabora na organización da ruta entre a cidade do Landro e Ourol o 17 de setembro. Está enmarcada no Camiño Nordés.

O Concello de Viveiro informa da ruta organizada entre a vila e Ourol, enmarcada no Camiño Nordés, que se celebra o próximo 17 de setembro. 

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o tenente de alcaldesa, Jesús Fernández, reuníronse hoxe co representante da organización "Asociación Camiño Real', Antonio Pereiras Penabad, para ultimar os detalles. 

Esta cita é a cuarta ruta organizada do Camiño Nordés, entre Viveiro e Vilalba. A ruta de 12 km será a última etapa desta iniciativa, que reivindica o antigo Camiño Real entre ambas localidades. 

Haberá dúas modalidades para realizar esta etapa: cabaleiros e viandantes. 

A saída será ás 10.00 na avenida de Ferrol, en Viveiro, onde habitualmente se coloca o mercado. Os viandantes percorrerán a Rúa Nova ata o paseo fluvial, onde continuarán o seu camiño ata Ourol. Mentres que os cabaleiros percorrerán o treito ata o paseo pola estrada, para continuar logo co resto da ruta. 

O Concello de Viveiro colabora con esta iniciativa facilitando un autobús que sairá do Concello de Ourol ás 9:30. Deste modo, aquelas persoas que queiran deixar o seu vehículo en Ourol, volverán a Viveiro en autocar para a saída.

Ademais, ese mesmo día organizarase un xantar campestre en San Antonio da Xestosa (Muras). As persoas interesadas tanto en participar na andaina como no xantar deberán anotarse no Concello de Viveiro en horario de 9:00 a 14:00, facilitando os seus datos. O prazo de inscrición finaliza o 15 de setembro. 

Por último, o Concello de Viveiro informa que instalará unha placa conmemorativa desta ruta no pasadizo entre o aparcadoiro da avenida de Ferrol.