O desfile de Entroido do Domingo de Piñata de Lourenzá repartirá máis de 4.000 euros en premios.

O desfile de Entroido do Domingo de Piñata de Lourenzá, que se celebra o 6 de marzo a partir das 16:30 horas, repartirá máis de 4.000 euros en premios. Foi presentado hoxe pola alcaldesa, Rocío López, e polo presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá (ACIAL), Javier Huertas.

Os organizadores anuncian que “o prazo de inscrición para participar no desfile remata o xoves 3 de marzo de 2022, pasado ese día non se inscribirá a ningún participante, e hai que facela no correo electrónico entroidolourenza@gmail.com, enviando para a folla de inscrición debidamente cuberta así como unha declaración responsable. Unha vez feita a inscrición recibirán confirmación vía email. 

As bases así como a folla de inscrición e declaración responsable poden solicitarse no email entroidolourenza@gmail.com ou descargalas na páxina web do Concello de Lourenzá. Os dorsais poderán recollerse o domingo 6 de Marzo (Domingo de Piñata) no recinto feiral dende ás 14:00 ás 16:00 horas”.

Tamén explican que “poderán participar neste concurso tódalas persoas que así o desexen e cumpran os requisitos de inscrición. Cada participante será responsable do dano ocasionado a terceiros. Apelamos á responsabilidade individual de cada un á hora de participar neste concurso. Respectaranse sempre as medidas decretadas polo protocolo Covid-19 vixentes. Actualmente o protocolo covid da Xunta de Galicia en materia da celebración dos actos de Entroido decreta: uso da mascarilla en todo momento en exteriores, tanto público como participantes; respectar a distancia de seguridade; certificados covid segundo a normativa vixente”.
 
Os participantes sairán do recinto feiral ás 16:30 horas e percorrerán as rúas da vila ata a Praza do Conde Santo.