O Eido Dourado, en Barreiros, comeza a súa décima etapa o 1 de xullo. Ata finais de agosto abrirá pola mañá e pola tarde de martes a domingo.

O Eido Dourado abrirá as súas portas o vindeiro domingo, 1 de xullo, na que será a súa décima tempada. O horario de visita deste espazo dedicado á arte, situado a carón da praia da Pasada en Barreiros, será de martes a domingo de 11:30 a 13:30 horas pola mañás e de 18:00 a 21:30 horas polas tardes. O artista barreirense Celso Dourado, promotor deste proxecto, anuncia que a mediados de xullo dará comezo o ciclo de  concertos Sons no Solpor no Eido Dourado.

Celso Dourado manifestou que “arrancamos unha nova tempada, van xa dez con esta, e abrimos o espazo Eido Dourado para o público cunha exposición renovada, na súa meirande parte, e cunha serie de actividades vinculadas case esencialmente á música. Abriremos o vindeiro domingo, 1 de xullo, en horario de once e media a unha e media polas mañás, e de seis a nove e media da tardiña. Os luns estará pechado, e a partir de mediados de xullo comezaremos o ciclo de músicas Sons no solpor”.

O artista barreirense declarou que “o balance desde un punto de vista cultural, como un faro enclavado aquí no Concello de Barreiros aberto a toda a Mariña, é positivo. Evidentemente pasamos por unha serie de avatares e vicisitudes que ás veces a un lle fan pensar se merece a pena aguantar esta chama acendida, pero aí estamos e cumprimos dez anos. Renovamos a exposición practicamente nun 80%, hai unhas obras que son emblemáticas da miña traxectoria e entón sempre están expostas. Hai técnicas novas, vinculadas aos spray, etc.., que se poderán visitar. Hai cores realmente potentes que tamén proceden dunha serie de experimentacións, e no eido das actividades vanse levar a cabo presentacións de novos discos, etc…”

Dourado agarda que “o tempo nos acompañe unha vez máis, e aí estaremos un ano máis neste recuncho da Mariña a carón da praia da Pasada”. 

Sobre as actividades culturais dixo que “cando comecemos cos primeiros concertos iremos tomando medidas sobre o aforo. A capacidade do Eido para estar medianamente cómodos estará entre 150 e 200 persoas, e esperamos non sobrepasar ese límite para que a xente poida gozar deles”.