
A deputada provincial de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves no Centro Galego de Arte Contemporáneo de Santiago de Compostela na presentación da décimo terceira edición do Festival Bal y Gay, “unha cita de referencia en España que conta co apoio da institución provincial”. A programación deste ano, “marcada polo seu carácter internacional, inclúe 14 concertos que se celebrarán en paraxes únicas da Mariña do 5 ao 21 de agosto. Como novidade, o pianista ruso Grigory Sokolov regresará a Galicia tras 20 anos cun concerto o 9 de agosto no Auditorio Fuxan Os Ventos de Lugo. Será, ademais, a primeira vez que o festival chega á capital lucense”, anuncia a Deputación de Lugo.
No acto de presentación desta cita, á que tamén asistiu a directora do Festival Bal y Gay, Alba Rodríguez, e o Presidente da Fundación Xesús Bal y Gay, Enrique Rodríguez Baixeras, entre outras persoas; a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, destacou que “este evento é un exemplo de como a cultura pode medrar con sentido desde o territorio, combinando excelencia artística cunha vontade clara de achegar a música clásica á cidadanía e de integrala na vida da Mariña lucense”. Neste sentido, subliñou que a programación desta nova edición “reflicte esa identidade propia, cun percorrido pola música vocal, barroca, de cámara e polo gran repertorio pianístico, da man de artistas e formacións de primeiro nivel”.
Así mesmo García Porto puxo en valor a vinculación do festival co territorio, sinalando que “cada concerto se desenvolve en espazos que forman parte da identidade da Mariña, creando un diálogo natural entre música e patrimonio e facendo que a cultura se viva con proximidade e normalidade”. A deputada incidiu en que “iniciativas como esta contribúen a dinamizar a comarca e a proxectar a provincia de Lugo como un destino cultural de calidade”, ao tempo que reiterou o compromiso da institución provincial co apoio a proxectos que “entenden a cultura como un dereito e como unha ferramenta útil para fortalecer o territorio”.
Esta 13ª edición inaugurarase co conxunto vocal Vox Luminis, dirixido por Lionel Meunier, o día 5 de agosto ás 21:00 horas na Catedral de Mondoñedo. Posteriormente, o pianista Moisés Sánchez actuará xunto á violinista Ana María Valderrama e ao contrabaixista Pablo Martín Caminero o día 6 ás 20:30 horas no Castelo de Castro de Ouro, de Alfoz. A continuación, a soprano Auxiliadora Toledano e o pianista Javier Carmena estarán o día 7 ás 21:00 horas no Mosteiro de San Salvador, de Lourenzá. Pola súa banda, o violista Antoine Tamestit e a violinista Alexandra Preucil protagonizarán o concerto do día 8 ás 20:30 horas na Basílica de San Martiño, de Foz. O prestixioso pianista Grigory Sokolov concluirá este primeiro bloque do festival o día 9 ás 19:30 horas no Auditorio Fuxan os Ventos, de Lugo.
O segundo tramo comezará coa Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de César Ramos, o día 13 ás 21:00 horas na Igrexa de Santa María del Campo, de Ribadeo. A programación proseguirá co tenor Santiago Ballerini, a soprano Berna Perles e o pianista Javier Carmena o día 14 ás 20:30 horas no Auditorio Casa da Cultura de Burela. Iria Folgado (oboe e corno inglés), Raquel Areal (violín), Sara Areal (violín), Marta Rodríguez Otero (viola) e Millán Abeledo Malheiro (violonchelo) presentarán outro dos concertos deste ano o día 15 ás 20:30 horas no Pazo de Fontao, de Foz. Este segundo bloque finalizará co concerto-conferencia dedicado a Marcial do Adalid a cargo de Martín Llade e Clara Corrales (Radio Clásica - RNE) o día 16 ás 20:00 horas no Palacio Santa Emilia, de Mondoñedo.
O último tramo abrirase coa pianista Yulianna Avdeeva o día 17 ás 20:30 horas no Auditorio Hernán Naval, de Ribadeo. A Ritirata con Josetxu Obregón chegará o día 18 ás 20:30 horas ao Teatro Pastor Díaz, de Viveiro. A Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias, dirixida por Miguel Sepúlveda, actuará o día 19 ás 21:00 horas na Catedral de Mondoñedo e KamBrass o día 20 ás 20:30 horas no Museo e Fábrica de Sargadelos, de Cervo. O barítono Samuel Hasselhorn, acompañado por Daniel Heide (piano), clausurará esta 13ª edición o día 21 ás 20:30 horas na Basílica de San Martiño, de Foz.


