O grupo galego Radio Cos actuará o 6 de maio na III Foliada de Cervo. Esa xornada tamén se celebrará a XI Festa de Exaltación da Carne de Porco.

O Concello de Cervo, a través da delegación de Cultura, programa a actuación do famoso Grupo galego de pandereteiros Radio Cos para o vindeiro mes.

A cita será o 6 de maio, dentro da axenda da III Foliada de Cervo impulsada pola ACR Fervenza de Sargadelos conxuntamente coa asociación cultural Airiños do Xunco, que organiza tamén para ese día, en colaboración co Concello, a XI Festa de exaltación da carne de porco.

Así o anunciaron o rexedor, Alfonso Villares e a edil de Cultura, Dolores García Caramés, xunto aos representantes, neste caso da Asociación Fervenza, máis volcada na faceta cultural-musical do evento, Ramiro Chaves e Xosé Fernández.

Villares sinalou que “esta actuación que hoxe presentamos é o prato forte dun programa que se está rematando de perfilar para unha xornada que cremos que vai  ser única, na que Cervo se convertirá no epicentro da música tradicional galega, nunha contorna excepcional como é a Praza do Souto de Cervo, acolledora de por si, e que será punto de encontro de todos os afeccionados a esta música tan nosa”.

Nunha xornada –engadiu- na que tamén celebraremos a XI Festa de Exaltación da Carne do Porco, da man da asociación cultural Airiños do Xunco, “un atractivo máis, o gastronómico neste caso, para que familias e grupos de amigos veñan visitarnos e pasar o día no noso Concello, entre boa música e comida”.

O rexedor, sinalou que  dende o Concello tentamos brindar apoio en todo o que estea na nos man, “para que se poidan levar a cabo eventos que axudan a dinamizar o noso municipio e tamén a atraer novos visitantes, colaborando así ao tempo coas asociacións que fan un traballo altruista e incansable en prol da nosa vila”

A banda de Radio Cos confórmana os cantantes e percusionistas, Henrique Peón e Xurxo Fernándes, Pedro Lamas (gaita e saxo soprono), Nikolay Velikov (violín) e Xan Panpín (acordeón).

Levan máis de dez anos percorrendo toda Galicia e boa parte dos escenarios de todo o mundo, amosando o seu xeito de entender a nosa música tradicional, de feito Fernandes e Peón son referentes no eido da investigación etnográfica en Galicia e as influencias do seu traballo de campo teñen unha importante presenza nas súas composicións.

En Cervo poderemos gozar de boa parte do seu repertorio, e dos temas do seu último traballo Pasatempo.