O grupo Gelria presentará o 23 de xullo o seu disco "Cantos de poeta" no Eido Dourado, en Barreiros. Deste xeito segue o ciclo Sons no solpor.

O ciclo de música Sons no solpor do Eido Dourado continuará este domingo, día 23, coa actuación do grupo galego Gelria. Nese concerto, que terá lugar nos xardíns do Eido Dourado a carón da praia da Pasada en Barreiros, será presentado o último traballo deste grupo titulado Cantos de poeta.

O artista Celso Dourado explicou que “este domingo toca un grupo para min excepcional, chamado a facer moito no futuro. É un trío aínda que esta vez creo que van vir catro, cunha formación académica moi importante e unha voz espectacular. É un grupo moi novo e creo que vai ser un día especial”.

O promotor do Eido Dourado contou que “Gelria é un grupo de música galega creado no 2014. Está formado pola catalá Elena Tarrats na voz, Federico Mosquera nos teclados e Mario Cortizo na percusión. Pese a xuventude actuaron xa en sitios como Holanda, Cataluña, Galicia, o sur de Inglaterra…”.

O artista barreirense engadiu que “o nome de Gelria provén do buque holandés onde viaxaba a América o poeta de Rianxo Manuel Antonio, e vanos presentar o seu libro-disco que editaron non fai moito e que leva por título Cantos de poeta. É un gran traballo que nos van presentar dentro do que é o ciclo musical. Van musicar dalgunha maneira a grandes poetas galegos como Rosalía, Curros Enríquez, Méndez Ferrín, Celso Emilio Ferreiro, etc…”.

Dourado sinalou que “se trata dun libro-disco que está acompañado de ilustracións e fotografías, e os textos están traducidos tanto ao inglés como ao castelán e ao portugués”. E dixo que “actuaron en grandes sitios de Barcelona, penso que é un grupo ideal para o que é o concepto dos Sons no solpor do Eido Dourado e o que pode ser un concerto rodeado de xardín e arte”.

Celso Dourado lembrou que “a entrada é libre e vai ser a partir das dez da noite coa caída do sol, como sempre. Esperamos que o tempo nos axude, se hai choiva teremos bastante complicado facelo, pero parece que as previsións son boas cara ao domingo. Invitamos a todos aqueles amantes da boa música e da poesía a que veñan botarlle unha ollada a este grupo porque é un gran grupo”.