O grupo tradicional Marbadás, de Ribadeo, actuará o 19 de maio en Ponferrada na Gandaina Urbana.

O grupo tradicional Marbadás, pertencente á Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo e formado por preto de trinta persoas, actuará este vindeiro sábado, 19 de maio, na localidade berciana de Ponferrada. 

Esta agrupación, de recente creación, participará na Gandaina Urbana, organizada pola Asociación Cultural Abelladeira. Ao longo da mañá desfilarán polas rúas do casco antigo de Ponferrada e xa na tarde actuarán na Praza do Concello xunto á Banda de Gaitas anfitrioa. 

Unha vez rematada esta parte do evento, dará comezo o Baile do Candil, no que diferentes agrupacións realizarán pequenas intervencións para amenizar o baile. Nesta ocasión o tamén grupo ribadense Illa Pancha será o encargado de representar á nosa vila.