
O Concello de Trabada vén de rematar as obras de mellora no Teleclub de Sante, local social da parroquia, nun proxecto que supuxo un investimento de máis de 50.000 euros e que foi posible grazas a un convenio asinado coa Deputación de Lugo. Con motivo da finalización dos traballos, o alcalde de Trabada, Rubén García, convida á veciñanza a participar nun acto de inauguración que terá lugar este venres 22, a partir das 20:30 horas, no propio local social, especialmente aos veciños e veciñas da parroquia de Sante.
O Concello de Trabada explica que “as actuacións permitiron renovar tanto o exterior como o interior destas instalacións municipais. No exterior levouse a cabo a construción dunha rampla de accesibilidade, ademais do pintado integral do edificio. Xa no interior realizouse unha reforma completa coa instalación dun novo teito, novo chan, pintado xeral, novas luminarias e a eliminación do antigo escenario existente, gañando así maior espazo útil para o desenvolvemento de actividades.
Rubén García destacou: “continuamos mellorando os espazos públicos e sociais do noso concello, creando instalacións máis accesibles, modernas e adaptadas ás necesidades da veciñanza”.
O alcalde sinalou tamén que “este proxecto forma parte da liña de traballo que vimos desenvolvendo nos últimos anos para reformar os nosos espazos públicos, algo que xa está dando resultados coa crecente actividade que se desenvolve nas distintas parroquias do municipio”.


