O programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo leva de viaxe ata o 21 de outubro a 180 veciñas e veciños de seis concellos.

Veciñas e veciños de seis concellos da provincia participarán esta semana no programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. Son en total preto de 180 persoas dos municipios de Lugo, O Incio, O Páramo, Chantada, Castro de Rei e As Nogais as que, dende este martes e ata o venres, percorrerán o territorio lucense grazas ás viaxes gratuítas que impulsa a institución provincial para colectivos sen ánimo de lucro.

Este martes, a Asociación Veciñal San Amaro de Barbaín, do Incio, e a Asociación de Comerciantes e Industriais da Milagrosa, de Lugo, viaxan á Mariña. Os primeiros comezaron a súa ruta na Granxa Gayoso Castro da institución provincial, antes de continuar cara Barreiros, para percorrer o seu paseo marítimo, visitar a praia das Catedrais e Rinlo e logo coñecer tamén o casco histórico da vila ribadense. Os de Lugo visitaron o Mazo de Santa Comba para posteriormente poñer rumbo a Lourenzá e coñecer a igrexa parroquial do Mosteiro, o Centro de Interpretación da Faba e a cooperativa Terras da Mariña. Rematarán a visita descubrindo o casco histórico de Mondoñedo. 

O mércores volverá a ser protagonista a costa. A Asociación de Veciños e Cultural Augas Férreas de Vileiriz, do Páramo, visitará o Mazo de Santa Comba para a continuación poñer rumbo a Xove e Viveiro, onde coñecerán o Faro Punta Roncadoira, o Souto da Retorta e o casco histórico viveirense. Ao concello de Cervo viaxará a Asociación de Inmigrantes Retornados Rioplatenses tras coñecer a historia do Pazo de San Marcos.

Será o xoves cando a Asociación Parroquial de Veciños San Xoan da Laxe, de Chantada, visite a Produtora de Audiovisuais da institución provincial. Posteriormente, fará a ruta que permite coñecer os concellos de Barreiros e Ribadeo, que inclúe unha visita á praia das Catedrais. Esa mesma xornada, a Asociación de Veciños de Santa Eulalia de Esperante, de Lugo, percorrerá o concello de Sober e o seu patrimonio tras visitar as instalacións do Mazo de Santa Comba. 

Para rematar a semana, a Asociación de Veciños O Cadaval, de Castro de Rei, e As Bulidoiras, das Nogais, visitarán na Mariña os concellos de Xove e Viveiro, no caso do primeiro concello, e Cervo, no segundo.

Na segunda edición do programa Coñece a túa Provincia, que comezou na primavera, xa se beneficiaron máis de 2.000 persoas. Este outono son 55 as asociacións e colectivos lucenses os que contan coas súas reservas para viaxar pola provincia ata o mes de novembro. 

O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que teñen a habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.