O Torneo de Fútbol Sala Burela Bonita celebrarase os días 18 e 19 de agosto no pavillón Vista Alegre.

Os días 18 e 19 de agosto terá lugar no pavillón Vista Alegre o torneo de fútbol sala Burela Bonita, que contará coa participación de Movistar Inter, Santiago Fútsal, Palma Fútsal e Burela FS. Este torneo foi presentado este mediodía no Concello burelés.

O alcalde, Alfredo Llano, manifestou que “sempre que sexa calquera tipo de deporte que se faga en Burela é moi agradecido. Pensamos que nesa liña se está traballando todo o posible, tanto no fútbol base como no máis profesional, nos torneos de atletismo e en todo aquilo que poidamos beneficiar a todo o mundo que practique deporte. Evidentemente o fútbol sala en Burela está moi presente, é algo que hai que ter en conta porque no concello hai moita afección e tamén é moi boa fórmula para lanzar a Burela a moitos sitios que chega grazas a este deporte. O torneo ven ben no mes de agosto posto que haberá moita xente que pode velo, con catro equipos de primeiro nivel. Vai ser un torneo moi interesante”.

O rexedor burelés quixo “animar a todo o mundo que estea por aquí, ben na Mariña ou de Asturias e a provincia da Coruña que están moi cerca. Invitamos a todo aquel que teña algún tipo de afección e queira ver un fútbol sala de primeiro nivel a que se achegue a Burela estes días”.

Llano agradeceu “á organización que conte co Concello de Burela que, a través da Delegación de Deportes, está facendo un bo traballo para que isto sexa unha realidade. Todo o que signifique poñer en valor o deporte, o Concello de Burela sempre está disposto a elo, se ademais é a través do club de fútbol sala moito mellor. Esperemos que veña moita xente, que teña oportunidade de ver un bo espectáculo, e que se fagan socios do Burela FS”.

Pola súa banda o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey deu “as grazas ao Burela FS por organizar este torneo que penso que lle dá un pouquiño de peso a Burela. Vai ser unha boa oportunidade para ver debutar ao primeiro equipo, e invitar á xente a acudir a este torneo”.

Dende a directiva do Burela FS quixeron “agradecer ao Concello a axuda que nos dá para que o torneo veña para Burela”.

No acto de presentación participaron tamén un dos capitáns do Burela FS, Jorge Matamoros, e o presidente do club laranxa, Manuel Blanco.