O VII Festival Bal y Gay terá lugar do 12 ao 24 de agosto en Mondoñedo, Foz, Barreiros, Trabada, Viveiro, Lourenzá e Ribadeo.

A Deputada de Promoción do Territorio, Turismo e Réxime Interior, Pilar García Porto, e a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, participaron en Foz na presentación da programación da VII edición do Festival Bal y Gay. Un acto ao que asistiu o presidente da asociación Xesús Bal y Gay, Enriquez Rodríguez Baixeras, a directora do festival, Alba Rodríguez, o Alcalde de Foz e Presidente da Mancomunidade da Mariña, Francisco Cajoto, o Director Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, a Alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, a Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, o Alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

García Porto arrancou a súa intervención facendo referencia a que este festival servirá como reclamo de altísima calidade para animar á xente e aos turistas a desfrutar da comarca da Mariña con garantías de seguridade. A Deputación destina unha subvención nominativa de 13.000€ para a organización do festival, que se celebrará do 12 ao 24 de agosto nos concellos de Mondoñedo, Foz, Barreiros, Trabada, Viveiro, Lourenzá e Ribadeo. “Non pode ser unha programación máis acaída para os tempos que vivimos. A idea de levar os concertos por diferentes concellos servirá para insuflar dinamismo e darlle a oportunidade a persoas de diferentes lugares de estar ante grandes músicos nun ambiente seguro e sen aglomeracións”. Subliñou que un evento así é unha maneira de potenciar e promocionar a “nosa riqueza patrimonial, ao ser os monumentos os principais escenarios dos concertos”. 

O 12 de agosto na Catedral de Mondoñedo, a Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección de Maximino Zumalave inaugurará con obras de Mozart a edición más ambiciosa deste festival no que se ofrece por vez primeira música sinfónica. O 14 na Igrexa parroquial de Foz, o grupo Sponte Sua e a soprano Ana Vieira interpretarán música barroca francesa. O 18 na Igrexa Santa María do Campo de Viveiro, Cosmos Quartet e o clarinetista Luís Cámara  tocarán obras de Haydn e Brahms. As melodías de Beethoven soarán en Foz o día 19 no Pazo de Fontao cun recital de piano e o 20 na Basílica de San Martiño co Cuarteto Quiroga en conmemoración do 250 aniversario do seu nacemento. O sábado 22 o festival ábrese á música jazz cun concerto de Hot Chocolates en Porto Chico de Foz. A música de Beethoven pechará esta sétima edición cun concerto de Ensemble Bal y Gay o día 24 de agosto no Auditorio de Ribadeo.

Concertos familiares, documentais e conferencias
O programa musical de Bal y Gay tamén contempla cinco concertos familiares dirixidos aos máis cativos. O sábado 15 o Quinteto Invento ofrecerá o espectáculo Pedro y el lobo en Mondoñedo, Barreiros e Trabada. O domingo 16 Arcos Iris ofrecerá Músicas del mundo en Viveiro e Lourenzá. O festival completa a súa programación coa proxección do documental Dancing Beethoven o día 16 no Auditorio de Mondoñedo e na Casa da Cultura de Foz e a conferencia “Cómo se transforman sociedades a través de la música”, a cargo de Nathaly Ossa o día 21 en Foz. Os horarios e programa completo pódese consultar en www.festivalbalygay.com

Así mesmo, a Deputada puxo de manifesto a calidade do certame, situándose entre os mellores de música clásica de Galicia. “É unha cita de calidade, coidada, e que concentra a artistas de moito renome”. Outra das cuestións que García Porto subliñou na presentación foi a implantación de medidas para previr os contaxios, como a potenciación de venda online de abonos ou a retransmisión por streaming dos concertos.

A Deputada mandou publicamente un convite á veciñanza da Mariña, do resto da provincia e aos visitantes que pasan as súas vacacións na comarca a que aposten por esta proposta de ocio. Ademais, quixo poñer o foco en que é unha moi boa zona “para pasar as vacacións por tranquilidade, pola temperatura, pola gastronomía e pola ampla oferta paisaxística e monumental que oferta”.