O XI Encontro de Palilleiras celebrarase o 12 de maio en Burela. O evento desenvolverase na nave de redes.

O XI Encontro de Palilleiras celebrarase en Burela o vindeiro 12 de maio. Terá lugar na nave de redes e está organizado pola asociación As Encaixeiras coa colaboración do Concello. O alcalde, Alfredo Llano, subliña que a cita é un bo escaparate para amosar Burela e os seus atractivos turísticos.

O rexedor anunciou que “o XI Encontro de Palilleiras vai ser o 12 de maio, no porto na nave de redes, onde ven sendo Expomar e Produart, pola súa dimensión e pola  cantidade de xente que contamos que veña, é xustificado que se faga alí”.

Alfredo Llano salientou que “é unha boa oportunidade para dar a coñecer o noso concello, o barco-museo, o Monte Castelo, os negocios, restaurantes e outro tipo de comercios que hai no noso pobo, que se dean unha boa volta, e que vexan o porto e as praias. É unha oportunidade que temos nosoutros desde Burela para ofrecer á xente que vai vir de fora, tanto de Asturias como da Coruña, de Pontevedra, de León e outras provincias”.

O alcalde burelés engadiu que “é un escaparate extraordinario para ensinar Burela, que se vaian contentas e con ganas de volver acompañadas de familiares ou amigos. Sempre é bo no plano social e cultural. Hai que darse conta que no encontro de palilleiras veñen ensinar moitisimo do que fan durante todo o ano, unha labor extraordinaria, unha actividade penso que moi gratificante que se nota pola grande cantidade de xente que está asociada”.

Alfredo Llano considera que “vai ser un día lúdico, de esparexemento, un día onde se expoña o arte que se chega a facer con esta labor, e polo tanto imos apoiar desde o Concello a estas iniciativas como corresponde, porque pensamos que vai ser un bo resultante para Burela de forma global”.