O XV Mercado de Primavera do Valadouro será virtual este ano. O Concello convoca tres concursos: de zocas, de fotos e de vestimenta.

O alcalde do Valadouro,  Edmundo Maseda, acompañado da concelleira de Cultura, Josefina Geada, presentaron no Concello o cartel promocional da Edición Virtual nas Redes do Mercado de Primavera.

Os organizadores sinalaron que “está chegando a data do tradicional Mercado de Primavera e, un ano máis, non podemos celebralo como todos desexaríamos, xa que agora toca coidarse e en solidariedade coa nosa saúde non haberá mercado tal e como se ven realizando todos os anos. Entón levaremos a cabo un Mercado de Primavera Virtual, porque non podemos pasar sen festexar dalgunha maneira esta data tan sinalada e esperada por todos. Este ano tócalle a XV edición, será todo nas redes sociais municipais, rememorando os nosos mercados, con vídeos, sketch, fotografías, concursos, etc”.

Nesta edición haberá tres concursos baixo o cancelo #MercadoPrimavera21: 
1-De zocas: con dúas categorías, infantil e adultos. Os participantes terán que decorar as súas zocas e subir unha foto ás redes sociais do concello, cada unha das categorías terá 4 premios de:  200, 100, 50 e 30 € respectivamente.
2-De fotografías: Os participantes terán que facer ou buscar no seu arquivo unha foto relacionada co mercado de calquera edición e subila ás redes. Haberá 3 premios de: 100, 50 e 30 €.
3-De vestimenta: Os participantes terán  que facer unha foto ou buscar en arquivo coa vestimenta de época e subila ás redes. Haberá 3 premios de: 100, 50 e 30 €.

Todos estes premios consistirán en bonos para inverter no comercio local, colaborando así o Concello do Valadouro cos establecementos locais que tanto o necesitan nestes momentos.

As bases dos concursos e anuncios correspondentes iranse publicando nas redes sociais municipais.

Desde o Concello animan “a todos a participar neste Mercado Especial e Diferente, non perdendo a ilusión e esperando poder desfrutar de maneira presencial do Mercado do vindeiro ano. Temos que celebralo todos xuntos”.