Onte (2020) e hoxe (2021) nas Catedrais

O 10 de abril de 2020, Venres Santo tamén, ás cinco da tarde saín de Ribadeo cara As Catedrais, para facer un traballo, e o que atopei foi moi triste aínda que esperado: o areal baleiro. O único coche no aparcadoiro era o meu, o ceo estaba gris escuro e o único que se escoitaba era o ruxido do mar. Sentín pena, desolación, tristeza, melancolía e ata medo. A imaxe da emblemática praia de Augasantas era terrorífica. Estiven dez ou quince minutos, fixen unhas fotos e fuxín. 

Estabamos hai un ano en pleno confinamento domiciliario. Hoxe, 2 de abril de 2021, as cousas mudaron bastante. É certo que a maioría das comunidades autónomas do país están pechadas, é certo que hai moitas normas sanitarias que cumprir, é certo que o virus segue facendo das súas, pero tamén é verdade que a imaxe deste Venres Santo ás cinco da tarde era ben distinta. O aparcadoiro das Catedrais estaba case cheo de turismos e de autocaravanas, aínda había xente na area porque a baixamar fora cara as dúas e media do mediodía, outras persoas comendo nas mesas que hai a carón da praia, xente paseando, facendo fotos … Estamos en pandemia, pero a vida segue afortunadamente. E iso é unha alegría grande. Vimianzo, Fisterra, Vigo, Pontevedra, Celanova, Burela, Ourense, Lugo… son algúns dos lugares de procedencia dos que hoxe e a fin de semana pasada me crucei polas Catedrais ou polo paseo do faro, en Ribadeo. Máis de mil pases diarios se estiveron a solicitar estes días para visitar a famosa praia. 

Hoxe estamos moito mellor que hai un ano, pero para que todo volva a ser como antes de marzo de 2020 dáme a sensación de que aínda nos queda un camiño que andar. Con concienciación, con respecto ás indicacións das autoridades sanitarias e con sentidiño poderemos conseguilo. De momento toca tirar de paciencia. O momento é duro, pero o final deste pesadelo está cada vez máis preto. 

Carmen Cruzado