Os días 29 e 30 de xuño seguen as xornadas de portas abertas das Rutas de Artesanía da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense.

Esta vindeira fin de semana seguen as xornadas de portas abertas das Rutas de Artesanía en Viveiro e Burela. Están organizadas pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense baixo o convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia. Para as visitas dos días 29 e 30 de xuño aínda quedan prazas libres. 

Esta iniciativa lévase a cabo con motivo da edición da nova guía sobre as Rutas de Artesanía que a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presentou o pasado día 14 de xuño. No novo material informativo, que está dispoñible na páxina web e nas oficinas de turismo da comarca, proponse ao visitante coñecer a riqueza patrimonial, natural e gastronómica a través da proximidade e sabedoría dos artesáns da Mariña Lucense, principais protagonistas desta iniciativa. A nova proposta consta dunha serie de itinerarios nos que o visitante pode adentrarse no oficio do artesán e disfrutar dos valores naturais, culturais e gastronómicos da localidade onde se ubican e da súa contorna próxima.

As xornadas de portas abertas das Rutas de Artesanía da Mariña Lucense teñen por finalidade dar a coñecer con actividades gratuítas para o público xeral esta iniciativa. As xornadas, que deron comezo o domingo 16 en Cervo,  continúan esta fin de semana en Viveiro e Burela. As actividades serán gratuítas e incluirán a visita a un ou dous obradoiros e unha actividade complementaria. O 29 en Viveiro está prevista a visita a Regal Xunqueira pola mañá, unha visita guiada ao centro histórico da cidade e á ceramista Miriam Viveiro pola tarde. E o domingo 29 tocaralle a Burela coa visita ás redeiras e ao barco museo boniteiro Reina del Carmen.

A iniciativa, que busca ofrecer un motivo interesante polo que desprazarse ao territorio antes da tempada alta, está dirixida tanto a locais que desexen coñecer mais sobre os recursos da zona como a visitantes que queiran vivir unha xornada diferente da man dos artesáns da Mariña Lucense.

Para participar é preciso reservar en turismo@amarinalucense.gal ou no teléfono 654 089 894

A continuación indícanse as datas cos horarios aproximados:
Viveiro 29-06
Regal Cerámica 10:30 – 11:30 
Visita centro histórico 12:00 – 13:30-14h aprox.
Miriam Cerámica 17:00 – 18:00

Burela 30-06
Redeiras 10:30 – 11:30
Barco Museo “Reina del Carmen” 12:00 – 13:00 aprox.