Os días 5 e 6 de marzo terán lugar as Festas de San Rosendo en San Miguel de Reinante. Haberá música e feira de artesanía e gando.

Despois do parón ocasionado pola pandemia do covid volven as Festas de San Rosendo. 

O 5 de marzo, sábado, haberá misa solemne ás 12:30 horas (con procesión), a continuación actuación da sección infantil de O Arco da Vella e despois sesión vermú coa orquestra La Favorita. 

Xa pola tarde ás 16 horas disputarase o aberto de billarda Flores-San Rosendo (xunto ao campo de fútbol de As Valgas). 

Ás 21:30 horas dará comezo a verbena coas orquestras La Favorita e Gran Parada.

O 6 de marzo terá lugar a feira de artesanía e gando. Ás 11:30 horas será a chegada dos cabalos. Ás 12:30 haberá misa solemne (con procesión). Para as 14 horas está prevista a actuación do grupo de música folk Zurrumalla. E ás 17 horas haberá xogos ecuestres. 

O evento contará os dous días coa pulpería A Rochela. Desde a organización subliñan que “haberá unha carpa cuberta para acoller a festa” e que “as actividades desenvolveranse aplicando a normativa do protocolo covid vixente”.

Organiza a comisión de festas de San Rosendo, que conta coa colaboración do Concello de Barreiros e dos Xinetes de Remourelle.