Paco Nogueiras presenta o 13 de marzo o espectáculo musical "Extra" na Casa da Cultura de Burela.

A Concellería de Cultura programa para este sábado, 13 de marzo, a actuación de Paco Nogueiras que presenta o espectáculo musical Extra. A representación terá lugar na Casa da Cultura ás 18:30 horas e o prezo da entrada é de 2´5 euros.

O espectáculo presenta doce cancións e os temas dispóñense como nun xornal con distintas seccións onde cada composición aborda noticias nacionais, internacionais, sucesos, información social, cultural, divulgativa, deportes, opinión, pasatempos e ata unha axenda de actividades. O autor coida as letras e as melodías que destacan polos ritmos modernos, pegadizos e bailables, invitando á participación do público. O disco-libro está ilustrado por Marc Taeger que ademais conta co apoio dos vídeoclips dirixidos por José Miguel Sagüillo.

Este traballo destaca pola súa versatilidade e o seu carácter lúdico convidando a conectar co mundo e transformar a realidade en canción ao tempo que se combina con diversión e imaxinación.

Esta actuación está incluída na programación da Rede de Teatros e Auditorios de Galicia e de AGADIC.