Por terras de Trabada discorrerá o 9 de outubro a segunda andaina da nova edición de A Mariña en Ruta da Mancomunidade.

Por terras de Trabada discorrerá o vindeiro sábado, 9 de outubro, a segunda andaina de A Mariña en Ruta. A iniciativa está organizada pola Mancomunidade de Concellos, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, para axudar á dinamización da comarca no outono. 

Para a ruta do vindeiro sábado as 25 prazas ofertadas están a piques de esgotarse. Unha vez se completen abrirase lista de agarda. Boris Vilar será o guía que acompañe aos asistentes por Trabada, unha viaxe ao pasado. 

Desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña fan un balance positivo da primeira ruta deste 2021, que tivo lugar o pasado domingo, xa que se completaron tamén as 25 prazas. A ruta A Berrea, camiñando entre cervos permitiulles aos asistentes coñecer lugares repletos de natureza entre os concellos de Alfoz e Mondoñedo, pola contorna de Fraga Vella. Alí Pedro Rolle achegou aos camiñantes ao mundo dos cérvidos e as súas costumes. Tras unha interesante explicación emprenderon camiño na busca de cervos, aos que tiveron a sorte de ver ao final do percorrido. As impresionantes vistas do val, as fragas, os cabalos e as primeiras cores do outono regaláronlles unha preciosa experiencia neste territorio. 

As rutas terán lugar os sábados de outubro, novembro e decembro, agás a primeira, que foi o pasado domingo. Terán unha duración de 2 a 3 horas e poderán participar en cada unha un máximo de 25 persoas mais a/o guía. O prezo será de 5 euros (individual), 8 euros (parella) e 12 euros (familiar ou grupo de ata 5 membros). As persoas interesadas en gozar de A Mariña en Ruta poden atopar toda a información e facer a reserva de prazas en https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta.

Burela o 16 de outubro, A Pontenova o 23 e Riotorto o 30 deste mes serán os vindeiros destinos de A Mariña en Ruta.