A programación cultural do Nadal en Foz inclúe unha chea de actividades para todos os públicos ata o 8 de xaneiro.

O Concello de Foz presentou hoxe, venres, a programación cultural de Nadal, “pensada para que desfruten os máis cativos e para que os maiores volvan a ser nenos”, comenta o alcalde focense, Fran Cajoto.
 
A concelleira Inés López Couto explica que “dende a Delegación de Cultura traballouse para cubrir un amplo abano de posibilidades para que todo o Nadal de Foz guste a todas e todos” e quere “que os máis pequenos desfruten e sexan felices despois dun período complicado no que se están a portar moi ben. En coordinación con Papá Noel e os Reis Magos traemos unha programación á súa medida.”
 
A edil de Cultura especifica que “a programación inclúe teatro infantil e para adultos, concertos de panxoliñas e actividades para os máis pequenos. Os días 27, 28 e 29 de decembro as nenas e nenos de ata 8 anos  poderán desfrutar dun Parque Infantil de Nadal na carpa instalada na Sala Bahía, con distintas e divertidas atraccións: como elemento central un tren que estamos seguros de que fará as delicias dos cativos. Xa en xaneiro, os días 2, 3 e 4 contaremos cun deslizador xigante no pavillón de Marzán, que podería estar no Polideportivo do Campo da Cabana se o tempo o permite,  para que nenas e nenos de todas as idades e adultos -previa inscrición- poidan sentir a velocidade”.
 
Inés López engade que o Concello de Foz “desprega un amplo dispositivo para que as cartas a Papá Noel e aos Reis Magos cheguen a tempo ao seu destino. Ademais dos buzóns especiais de Nadal que nos vindeiros días poderemos atopar en distintos puntos da vila de Foz e das parroquias, os elfos estarán nas rúas de Foz o venres 17, o sábado 18 pola mañá e o xoves 23 pola tarde para recoller persoalmente todas as misivas. Que máis poderemos desfrutar? O venres 24 Papá Noel sairá dende a Casa da Cultura para achegarse ao Concello e recibir a todos os cativos; e, por suposto, os Reis Magos percorrerán as rúas de Foz desde a Rapadoira o 5 de xaneiro. Nesta ocasión, as súas maxestades e o habitante máis famoso de Laponia viaxarán sós, sen nenos, para garantir a seguridade sanitaria”.
 
A concelleira de Cultura indica ademais: “pero Foz tamén é música e teatro. Poderemos desfrutar nestas datas de distintas actuacións:
- Sábado 18: Teatro Infantil Musical na Sala Bahía e Concerto de Panxoliñas na Igrexa de Foz a cargo de Mar Aberto e da Coral Polifónica de Foz.
- Domingo 19: Gala solidaria a cargo de Teatro Axóuxeres de Vilaronte con Cousas de Mulleres e o Monólogo de Luis Miguel Yáñez.
- Luns 20 e martes 21: Festival de Nadal da Escola de Música con concertos da Aula Coral e da Prebanda e Orquestra de Jazz
- Mércores 22: Teatro adulto coa obra A Lúa vai encuberta, premio II Certame Manuel María de Textos Teatrais.
- Xoves 24: Concerto da DkBand da Escola de Música.
- Domingo 26: Teatro infantil, de Teatro O Cubo, coa obra Ningures.
- Xoves 30: Teatro infantil, de Emoción e Arte, coa obra Semente: o home que plantaba árbores.
- Venres 31 e domingo 2 de xaneiro: Festival de Nadal, cos Alcaldes da Pachanga e Concerto de Aninovo da Banda de Música de Foz
- Sábado 8 de xaneiro: Concerto de Música. Entre Nós, de Son’s Varadero”.
 
“É tempo de pensar nas nosas familias e de saborear unhas datas moi especiais. Contando coas precaucións debidas, aínda con máscara, o Concello de Foz quere estar ao voso carón e desexarvos un Bo Nadal e un mellor e máis próspero 2022”, remata o alcalde.