A Sala Bahía, de Foz, acolle o 23 de outubro a representación da obra "5 mulleres que comen tortilla", da compañía Señora Supina.

A compañía Señora Supina representará a obra 5 mulleres que comen tortilla na Sala Bahía, de Foz, este venres, día 23, ás 21:00 horas dentro da programación do Ciclo de Teatro de Outono que organiza o Departamento de Cultura do Concello focense.
Esta obra de teatro comedia, cunha duración de 80 minutos, será representada polo seguinte elenco artístico: Nola Drake, Raquel Ferraz, Alba Outeda, Raquel Crespo e Gabi Modesto.

5 mulleres que comen tortilla é “unha comedia delirante e enxeñosa que transporta ao espectador á América dos anos 50, grazas ao humor e a unha coidada posta en escena totalmente inmersiva. Un búnker esmeradamente decorado no que se integra ao público desde que entran pola porta asignándolles un nome. Cada un dos espectadores é unha máis das irmás, unha máis das viúvas convidadas ao concurso de tortillas da Susan B. Anthony.  A liberdade, a relixión, o feminismo, as moralidades e o medo ao descoñecido son os motores desta exitosa comedia internacional que foi estreada en Chicago antes de formar parte do New York Fringe, converténdose nun éxito absoluto do Off-Broadway e atrapando a milleiros de espectadores de Estados Unidos dende entón. Son moitos os países que acolleron a esta irmandade, acadando enorme éxito en Reino Unido, Australia e, en España, coa versión en castelán”.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, lembra que se “respectarán todas as medidas de seguridade e hixiene esixidas, como ata o de agora se está facendo en todas as actividades organizadas polo Concello de Foz, cunha programación segura”
O prezo da entrada é de 5 euros.