San Ciprián celebrará as festas na honra da Virxe do Carme do 14 ao 17 de xullo.

San Ciprián celebrará as Festas na Honra da Virxe do Carme a fin de semana do 14 de xullo.

A cita foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés, pola concelleira de Muller e Igualdade, Pilar Armada, e por representantes das diferentes asociacións e colectivos do municipio que participan: Mar de San Ciprián, Mulleres de San Ciprián, Amigos da Maruxaina, A Rebolaxe e a Coral Terramar.

O programa arrinca o venres 14 de xullo, coa festa do Mexillón que organiza a asociación Amigos da Maruxaina. Será a partir das 20:00 horas na Praza dos Campos. A continuación, Disco Móbil Chocolate e Disco Móbil Conxuro, encargaranse de amenizar a Festa da Xuventude.

O sábado 15, a sesión vermú correrá a cargo da orquestra La Dimensión, a partir das 14:00 horas. Á noitiña, ás 21:00 está prevista unha misa solemne na Igrexa Parroquial de Lieiro cantada pola coral Terramar; seguida da procesión do Carme ata o peirao, acompañada da agrupación musical Dambara-San Inocencio de Burela; unha cita tradicional que organiza a Asociación Mar de San Ciprián. A continuación, a orquestra La Dimensión  e o Grupo Arizona serán os protagonistas da verbena.

Xa o domingo 16, haberá de novo misa solemne ás 13:00 horas no peirao cantada pola coral Terramar; á que seguirá unha ofrenda floral na honra dos mariñeiros falecidos a cargo de Lidia Pernas.

A continuación, será a procesión da virxe do Carme ata a Igrexa de Lieiro acompañada polo grupo de gaitas A Rebolaxe, organizada pola asociación Mar de San Ciprián.

A sesión vermú este día será protagonizada polo Grupo Zona Zero; que repetirá na verbena co grupo América SL, desde as 23:00 horas.

O luns 17 rematarán os festexos co Día do Neno, a partir das 19:00 horas, na Praza dos Campos.

A decoración floral destas Festa do Carme correrá a cargo da asociación Mulleres de San Ciprián.

Aquelas persoas que desexen colaborar cos festexos, poden deixar as súas aportacións no Banco Santander, na conta rexistrada a nome da asociación Anxuela, ou na Casa da Cultura.

O Concello de Cervo convida a veciños e visitantes a participar das diferentes actividades programadas durante a próxima fin de semana e agradece ás diferentes asociacións e colectivos a súa implicación para levar adiante unha festa tan arraigada en San Ciprián, como vila mariñeira.