Talía Teatro presenta a obra “Unha inimiga do pobo” en Viveiro este sábado, 24 de febreiro

A compañía Talía Teatro presentará a obra titulada “Unha inimiga do pobo” este sábado, 24 de febreiro, ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz.

É un drama para público adulto, ten unha duración de 90 minutos, o director é Tito Asorey, que tamén fixo a adaptación xunto a Vanesa Sotelo, e o elenco está formado por Marta Lado, Toño Casais, Dani Trillo, Rubén Prieto, Marta Ríos, María Ordóñez, Diego Rey, Artur Trillo e Xurxo Barcala.

Talía Teatro explica que “Unha inimiga do pobo é a adaptación dunha das pezas máis significativas da literatura dramática universal. Cento corenta anos despois o texto de Henrik Ibsen segue a servir de material inflamable para denunciar unha forma de facer política que antepón os beneficios económicos sobre a saúde da poboación, ao tempo que permite reflexionar sobre o poder dos medios de comunicación á hora de moldear a opinión pública e colocala no lugar no que ao poder lle interesa. A vixencia do texto maniféstase ao descubrir como os problemas incipientes que o protagonista afrontaba no século XIX aínda se volveron máis profundos e nocivos na actualidade. Coa vontade de aproximar aínda máis a peza, a Galicia actual serve de escenario para unha proposta onde a desinformación, o poder das redes sociais, a crise ecolóxica e a depredación neoliberal deseñan un contexto hostil no que as emocións humanas son sometidas á máxima presión”.

A sinopse é a seguinte: “Helena é unha doutora de prestixio internacional que regresa á vila natal para comezar unha nova etapa. Embarazada de sete meses, afronta o seu novo estado coa ilusión posta nun novo proxecto profesional: o balneario que ela mesma deseñou, e que se presenta como un alternativa turística sostible e saudable para a súa vila. A inesperada contaminación das augas da zona e a súa loita por preservar a saúde da poboación fronte aos intereses económicos van colocala no punto de mira da veciñanza, que ve como se pon en risco a prosperidade da comunidade”.