A tapa do Marinero foi a elixida polo público como a mellor do Ribadeo de Tapeo 2022. E a mellor barra foi a do Queimada.

A tapa do restaurante Marinero foi a elixida polo público como a mellor do Ribadeo de Tapeo 2022. E a mellor barra foi para a do bar Quemada. O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, destaca a acollida do evento no que foron servidas arredor de 30.000 tapas. 

O edil ribadense contou que “o público participante nesta edición cos seus votos depositados nas urnas instaladas nos 32 locais participantes decidiu que o premio Tapa do Público sexa para a tapa Témola Negra.do establecemento hostaleiro restaurante Marinero e o premio á Mellor Barra sexa para o bar Queimada. Este último elíxese tendo en conta a ambientación do local, a profesionalidade no servizo, as instalacións e tamén a experiencia e  disfrute dos clientes”.

Vizoso Galdo explicou que “a entrega dos premios e dos galardóns terá lugar o vindeiro martes, 14 de xuño, ás 19.30 horas no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo. Nese mesmo acto tamén se entregarán os premios do xurado profesional, que hai que lembrar que se trata dun grupo formado por cinco espertos cociñeiros, que estiveron degustando e xulgando as tapas durante a celebración do concurso gastronómico. Ese xurado profesional decidiu que o primeiro premio fose para a tapa do bar Chámalle Estopa, o segundo para a tapa do bar Queimada e o terceiro premio para o restaurante El Oviedo. E no Alén recaeu a tapa de Ribadeo, realizada con produtos e ingredientes de proximidade. Nos vindeiros días tamén se establecerá contacto coas persoas que resultaron agraciadas no sorteo de comidas, ceas, menús degustación e estancias aportados por un grupo de establecementos de Ribadeo”. 

E engadiu: “desde a Concellaría de Turismo felicitamos aos premiad@s e agradecemos a participación de toda a cidadanía no Ribadeo de Tapeo 2022, pois este ano este concurso gastronómico volveu a superar todas as expectativas enchendo de xente e de animación as rúas de Ribadeo e os nosos establecementos. A proba máis evidente é que as tapas vendidas achéganse ás 30.000 unidades, o que demostra a fabulosa acollida deste evento e anímanos a seguir traballando nesta liña por Ribadeo”.