Trabada conta con pista de pádel nas instalacións do campo de fútbol.

A alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, anunciou que o Concello xa rematou a obra de construción da pista de pádel da vila. 

A rexedora remarca que “o principal obxectivo deste proxecto é proporcionar ao municipio de Trabada, e a todos os seus veciños e veciñas, unha nova instalación deportiva para a práctica dun deporte en auxe como é o pádel. E lembramos que facémolo porque é unha demanda veciñal, e ao mesmo tempo dámoslle utilidade a un espazo que non o tiña”. 

Ademais dende o Concello tamén avanzan que “o Goberno Municipal de Trabada xa está traballando en impulsar e promover máis proxectos para este emprazamento, co fin de que contribúan a mellorar as nosas dotacións públicas." 

“Dende o Goberno Municipal de Trabada decidimos incluír a ubicación desta pista de pádel nas instalacións do campo de fútbol municipal, xa que este emprazamento non cumpría as medidas regulamentarias, e tampouco era utilizado pola veciñanza. Agora está a disposición de todos as veciñas e veciños, e sobre todo cumprindo tódalas medidas necesarias para ser utilizado con toda a seguridade que require calquera práctica deportiva”, explicou a rexedora. 

Ademáis, dende o Concello remarcan tamén que “esta decisión fíxose logo de valorar dúas propostas realizadas polo Xefe Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en novembro de 2016, coa finalidade de darlle uso a unhas instalacións que estaban inservibles, e nas que se enterraron 502.000 euros de diñeiro publico, nun espazo que finalmente non cumpría as medidas regulamentarias para poder competir”, advirten.