Uganda Natumayini ofrecerá un concerto solidario o 1 de febreiro no Cine Teatro de Ribadeo. Está organizado pola ONG Música para Salvar Vidas.

O Cine Teatro de Ribadeo acollerá mañá, 1 de febreiro, un concerto solidario a partires das 20:00 horas. Sons, voces e danzas de Uganda, que interpretará o coro Uganda Natumayini nesta cita solidaria organizada pola ONG Música para Salvar Vidas.

O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, dixo que “a organización Música para Salvar Vidas vai visitar de novo Ribadeo, e vaino facer a través do coro Uganda Natumayini. Este coro xa ten percorrido a xeografía española entre o 2005 e o 2016, e agora de novo volve visitarnos a nós tamén. É unha agrupación musical e coral que fai unhas danzas espectaculares e que interpreta uns cantos ben emocionantes”.

O edil nacionalista contou que “ten visitado xa Zamora, Burgos, Valladolid, El Espinar, Ávila… Tense achegado tamén a Murcia, a Cartagena, El Algar e a Caravaca de la Cruz. En Cataluña ten actuado no Palau de la Música, e tamén en Euskadi visitou o Teatro Arriaga de Bilbao e o Teatro Victoria Eugenia de San Sebastián, e moitísimas cidades máis e moitos teatro máis todos eles de moita zona”.

O responsable de Cultura en Ribadeo explicou que “Uganda Natumayini canta e baila danzas, como non pode ser menos, de Uganda e de Ruanda. Interpretan góspel africano e americano, fan bailes tribais e de guerreiros, fan danzas ben bonitas e cantos relacionados coa natureza, cos seus costumes e as súas tradicións. Pero ao mesmo tempo tamén fan danza creativa moderna sobre melodías ben coñecidas que de seguro hanos gustar ben a todas as persoas que acudamos a este concerto benéfico”.

Farruco Graña salientou que “é un espectáculo profesional, pero tamén con moita cor, e sobre todo, o máis importante, cheo de espírito solidario. Podemos achegarnos este xoves, 1 de febreiro, ao Teatro de Ribadeo, ás oito da tarde. O prezo da entrada é 10 euros, e en todo caso si se fai unha compra anticipada a través de ticketea serían 7 euros”.

Para o concelleiro de Cultura “é un esforzo considerable, pero é un esforzo moi meritorio, e que paga a pena que nos acheguemos ata o Teatro para sermos solidarios con esta asociación Música para Salvar Vidas que leva moitísimo tempo desenvolvendo un labor social moi importantísima. Ademais sábeno facer buscando actividade, buscando poñer en valor o seu patrimonio cultural para, dándoo a coñecer a todo o mundo, obter ao mesmo tempo recursos que financien proxectos que desenvolven na súa terra, e que axudan a moitos nenos e nenas como os que agora están no coro Uganda Natumayini a saír adiante e converterse en persoas dignas e de pleno dereito”.

O edil insistiu en que “acudamos todos e todas este xoves, 1 de febreiro, ao Teatro de Ribadeo, ás oito da tarde para escoitar Uganda Natumayini. Non nos arrepentiremos”.