A VI Marcha Xoviética de bicicletas todoterreo celebrarase o 22 de outubro en Xove.

A sexta edición da Marcha Xoviética de bicicletas todoterreo celebrarase o 22 de outubro, domingo, en Xove.

A organización corre a cargo do Club Ciclista Komando Xoviético, que explica que “a marcha non é competitiva, é apta para todos os públicos e hai alternativas nos pasos máis difíciles. A entrega de dorsais e bolsa de corredor será o día da proba de 8:30 a 9:15 horas. A bolsa do corredor inclúe o correspondente dorsal, un vale de almorzo, unha camiseta 42k, un bote de mel da terra e un vale de comida para aqueles que se inscriban con esa opción. A saída da proba será ás 9:30 horas, a ruta é de aproximadamente 37 quilómetros e 1.250 metros de desnivel acumulado. Ao longo da ruta haberá dous avituallamentos sólidos. Dispoñemos de servizo de limpeza de bicicletas e ducha con auga quente para todos os participantes. Ao acabar teremos cervexa e refrescos para todos. Para os que se inscriban con comida ás 15:00 horas comezaremos a repartila e, coma todos os anos, somos fieis á nosa comida típica: sopa do cocido, xamón cocido con chourizo e pataca, bica de sobremesa, café e chupito. Despois da comida teremos sorteo de premios para todos os asistentes a comida”.

As inscricións fanse a través da páxina web https://fgalegaciclismo.es/ e o prazo remata o día 18 de outubro.