Viaxes Eroski de Burela e Ribadeo convocan un concurso de fotos e vídeos que representen unha viaxe desde a casa incluíndo un elemento gastronómico típico dese lugar.

As axencias de viaxes Eroski de Burela e Ribadeo convocan en facebook un concurso de fotos e vídeos que representen unha viaxe desde a casa incluíndo un elemento gastronómico típico do lugar elixido.

O xerente de Viaxes Eroski en Burela e Ribadeo, Pedro Fraga, explica as bases do concurso: “tod@s aqueles que queirades participar teredes que colgar no voso muro de facebook, etiquetando a Viajes Burela Ribadeo e co hashtag #viaxequedatenacasa, unha foto ou vídeo dunha Viaxe Queda na Casa Gastronómica, representando unha viaxe virtual e introducindo o elemento gastronómico típico da zona ou país representado. O concurso terminará o 3 de maio as 21:00 horas. O premio consistirá nun pack de La Vida es Bella cunha estancia dunha noite para 2 persoas e será para a foto ou vídeo máis votado”.

Pedro Fraga engade: “esperamos que gocedes desta iniciativa poñendo a vosa imaxinación a funcionar, abrindo eses armarios de Carnaval e, por suposto, elaborando o complemento gastronómico”.

Este é o segundo concurso deste tipo convocado polas axencias de viaxes Eroski en Ribadeo e Burela desde que empezou o confinamento. O obxectivo é “manter o contacto cos clientes e axudar a que estean entretidos para que leven o mellor posible esta situación”.