Viveiro acollerá a cuarta edición das Carreiras de Cabalos os días 9 e 10 de setembro con campionatos de diferentes categorías, exhibicións e feira de gando.

Os días 9 e 10 de setembro terá lugar no campo de fútbol de Celeiro a cuarta edición das Carreiras de Cabalos de Viveiro. Celebraranse campionatos de diferentes categorías e modalidades así como exhibicións ou mesmo unha feira de gando.

O evento dará comezo o sábado 9 ás 9 horas coa apertura do recinto e unha exposición de maquinaria. Ese mesmo día terán lugar a final do campionato galego de andadura individual e por equipos; a primeira pola mañá e a segunda pola tarde. Posteriormente, procederase á entrega de premios e medallas.

O domingo 10 a xornada comezará tamén ás 9 horas coa apertura do recinto e, neste caso, cunha feira de gando. Durante todo este día, terán lugar diferentes competicións de andadura e galope con premios que alcanzan os 400 euros na categoría de pura raza árabe nacional. O evento finalizará ás 20 horas coa entrega de premios.

Para participar, a inscrición debe realizarse ata o 7 de setembro no correo electrónico cabaleirosdolandro@gmail.com. Ademais poderá recibirse más información nos teléfonos 600.96.82.04 ou 678.06.98.86. As bases regulamentarias das competicións do domingo están recollidas no cartel do evento.

O evento está organizado pola asociación Cabaleiros do Landro coa colaboración do Concello de Viveiro, a Federación Hípica Galega e Rilo Maquinaria.