O 14 de marzo dará comezo en Barreiros unha nova edición do curso "Aprende a usar o Smartphone". Pola anterior, que foi un éxito, pasaron 30 persoas.

O 14 de marzo dará comezo en Barreiros unha nova edición do curso "Aprende a usar o Smartphone". Pola anterior, que foi un éxito, pasaron 30 persoas.
 
O alcalde, Alfonso Fuente, clausurou nas últimas horas o curso "Aprende a usar o Smartphone", que se impartiu na aula CeMIT de Barreiros ao longo das últimas semanas e ao que acudiron 30 persoas. 
 
Segundo explica o técnico da aula CeMIT barreirense, Manuel Pérez, “os asistentes aprenderon o funcionamento básico dun Smartphone, a facer fotos e vídeos, a conectarse a internet e a descargar e instalar aplicacións para engadirlle máis funcións aos móbiles”. 
 
Esta edición contou coa colaboración da Fundación Vodafone, que cedeu 12 Smartphones para que os asistentes que non tiveran un móbil de última xeración puideran practicar mentres seguían o curso. 
 
Desde a aula CeMIT de Barreiros anuncian que debido a grande aceptación que tivo esta actividade o Concello de Barreiros organiza unha nova edición deste curso, que comezará a impartirse o vindeiro luns, 14 de marzo, ás 16:30 horas na aula CeMIT. 
 
As persoas interesadas na asistencia a esta actividade formativa poden anotarse enviando un correo a cemit.barreiros@xunta.es, no teléfono: 639 876 671 ou acudindo á propia aula.