O 20 de marzo celébrase a sétima "Ruta Enduro Medela" en bicicletas de montaña, que patrocina o Concello de Cervo.

O 20 de marzo celébrase a sétima "Ruta Enduro Medela" en bicicletas de montaña, que patrocina o Concello de Cervo.
 
A sétima edición da Ruta Enduro Medela en bicicletas de montaña, que se celebrará este domingo día 20 a partir das 09:30 horas, foi presentada polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares; o concelleiro de Deportes, José Ramón Soto, e catro membros do club Medela MTB, de San Ciprián: o presidente, David Riera Amor; o vicepresidente, Oscar Hermida Bouza; o tesoureiro, Abel Ordas Díaz; e o secretario, Víctor Riera Amor.
 
O concelleiro de Deportes cervense explicou que esta ruta, patrocinada polo Concello de Cervo, “está enfocada ao enduro de MTB, modalidade que se caracteriza polo seu percorrido ao longo de sendeiros técnicos; e a pesar de que ten unha parte competitiva, como calquera tipo de proba deportiva, está pensada para gozar tanto da paisaxe da nosa comarca como das sensacións de andar en bicicleta aproveitando as súas amortiguacións. A proba comezará nas inmediacións da piscina de Lieiro, en San Ciprián, realizando un percorrido non competitivo por varias zonas do noso concello, concretamente por Lieiro, a zona do faro, Galdín e Gondrás, o cal tamén serve para dar a coñecer os nosos encantos naturais a aquelas persoas de fóra da localidade que participen.
 
A continuación porase rumbo ao monte da Medela, onde as persoas que forman o club levan moitas xornadas de traballo preparando os tramos especiais de enduro, que sen dúbida non deixarán indiferentes aos participantes”. 
 
José Ramón Soto engadiu que “ao finalizar el percorrido, que ten unha lonxitude duns 36 quilómetros e 1.500 metros de desnivel acumulado, haberá una comida para todos los participantes. O ano anterior houbo unha participación de 210 corredores, cifra que se espera superar nesta sétima edición”.