O Ano Castelao 2016 celebrarase nas comarcas lucenses da man da Área de Cultura da Deputación. Na Mariña haberá actividades en Viveiro, Burela, Mondoñedo, Ribadeo e O Valadouro.

O Ano Castelao 2016 celebrarase nas comarcas lucenses da man da Área de Cultura da Deputación. Na Mariña haberá actividades en Viveiro, Burela, Mondoñedo, Ribadeo e O Valadouro.
 
O Delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, presentou a programación prevista en torno ao Ano Castelao 2016. Xunto a el estiveron tamén Lucía López, responsábel técnica do programa, Encarna Lago, Xerente da Rede Museística Provincial, Aurelia Balseiro, Directora do Museo de Lugo, e Brian Rodríguez, representante da Asociación Cultural Juan Casaveteiro de Lugo. 
 
Ferreiro explicou que a programación que se presenta é “especial” pois este ano “a Academia Galega de Belas Artes escolleu como autor homenaxeado a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, destacando as súas achegas teóricas e creativas para divulgar a dignificación de Galiza”, indicou.
 
A programación, que arranca o vindeiro venres 1 de abril, Día das Artes Galegas, coa representación de Que comerá o Rei? a cargo de Cándido Pazó, ás 20 horas na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo, levará moi diversas actividades ao longo de toda a provincia.
 
Actividades por todos os Concellos da provincia para celebrar o Ano Castelao 2016
A Área de Cultura da Deputación escolleu diversos formatos para achegar a figura de Castelao a toda a poboación. Así, a través de obradoiros, teatro, audiovisual e tamén conferencias a figura do insigne autor galego estará presente desde o 1 de abril e ata finais de ano en toda a provincia de Lugo. Nós vindeiros días daráse a coñecer as datas e horarios concretos dunha programación que se vai achegar a todas as comarcas lucenses, tal e como explican desde a Área de Cultura. 
 
Que comerá o rei? de Cándido Pazó, unha sesión de historias e contos inspirados nos textos e debuxos de Castelao viaxará ata os Concellos de Monforte de Lemos o vindeiro 3 de abril, na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, ás 20 horas; 0 10 de abril a Becerreá, o 24 de abril a Muras, o 30 de abril a Monterroso, o 4 de xuño a Fonsagrada, o 8 de maio a Chantada, o 14 de maio a Viveiro, o 15 de maio a Guitiriz, o 29 de maio a Pol ou o 10 de xuño a Burela, entre outros como Mondoñedo ou Friol. 
 
Tamén está presente na programación o espectáculo Retrincos de Castelao, do actor lucense Fran Rei e da actriz Isabel Risco, onde fan un achegamento ao humor na obra do importal autor de Rianxo. Este espectáculo, que comezará a xirar pola provincia despois do verán, viaxará ata os Concellos de A Pobra do Brollón, o 10 de setembro, Vilalba, o 17 de setembro, A Pastoriza, o 1 de outubro, Ribadeo, o 8 outubro, O Valadouro, o 15 de outubro, Sarria, o 6 de novembro e Ribas de Sil, o 26 de novembro.
 
Xa en novembro, a peza “Os vellos non deben namorarse” na que a compañía galega Fantoches Baj representa con marionetas a emblemática obra de Castelao no 75 aniversario da súa estrea en Bos Aires.
 
Actividade na Rede Museística Provincial
A programación presentada contempla tamén actividade na Rede Museística Provincial, onde terán lugar obradoiros de gravado en releve “Cousas de animais” e “Cousas de nenos e nenas”, baseados na obra do propio Castelao. 
“A lanterna máxica de Castelao”, un proxecto cultural promovido pola Asociación Cultural lucense Juan Casaveteiro, conxugará teatro e audiovisual para achegar aos tres Clubes da Rede Museística (Pequeamig@s, Sénior e Clube Ei!) a vida e a obra de Castelao.
 
“Castelao, unha visión multidisplinar” é o nome do ciclo de relatorios que terá tamén como sedes os catro Museos da Rede e que abordará a partir do mércores, 27 de abril, as diferentes facetas do autor: o Castelao dramaturgo, da man de Manuel Lourenzo, o Castelao político, da man de Uxío-Breogán Diéguez, o Castelao humorista, da man de Siro López, o Castelao artista, da man de José Manuel López, o Castelao narrador, da man de Pilar García Negro. Así memo, aboradarase tamén “A obra de Castelao no Museo de Lugo. Unha visión didáctica” da man de Xoán Ramiro Cuba, e, xa por último “Castelao e as cruces de pedra” da man de Fernando Arribas.
 
No caso concreto do Museo de Lugo, tal e como expresan desde a Área de Cultura, “queremos recalcar que temos, desde o ano 2010, unha sala monográfica adicada a Castelao. Esta mesma sala vai ser onde, a maiores da obra xa exposta, vai ter lugar unha mostra de documentación, materiais bibliográficos e artísticos de Castelao, pertencentes aos fondos do propio Museo, e que queremos amosar neste ano especialmente, destacando a faceta do Castelao Caricaturista e ilustrador”, sinalan.
 
Actividade tamén nos centros de ensino 
Os centros de ensino da provincia tamén serán receptores dunha proposta dun total de 50 obradoiros que, baixo o nome de “ContarNós”, será dixidos ao alumnado de infantil, primaria e secundaria, para achegar tamén a figura de Castelao ás e aos máis novos. 
 
Xosé Ferreiro concluíu sinalando que “con esta programación queremos horar a figura sublime de Castelao tal e como el honrou sempre a súa terra, Galiza”, dixo.