O Concello de Burela acolleu a presentación da XXXII Feira do Bonito, que se celebrará o 6 de agosto, e da décimo cuarta edición de Produart, que será do 5 ao 7 de agosto.

O Concello de Burela acolleu a presentación da XXXII Feira do Bonito, que se celebrará o 6 de agosto, e da décimo cuarta edición de Produart, que será do 5 ao 7 de agosto.
 
O salón de plenos acolleu a presentación da XXXII Feira do Bonito, que terá lugar o 6 de agosto, e da XIV edición de Produart, que tamén se celebrará esa fin de semana en  Burela. Mañá, venres, a promoción farase en Lugo na Deputación e despois a mediodía haberá unha degustación no restaurante España. 
 
O alcalde, Alfredo Llano, comentou que “a Feira do Bonito se vai realizar como sempre se fai o primeiro sábado do mes de agosto, será o día 6, e tamén teremos esa fin de semana a feira Produart, que son paralelas. Son dúas citas moi importantes para Burela porque son unha atracción total tanto no aspecto gastronómico como no medio ambiental, ou na oferta de produtos ecolóxicos e despois é unha promoción moi satisfactoria para o bonito. É unha especie que nosoutros pescamos aquí da mellor maneira que se pode facer, que é artesanalmente e dá unha garantía total deste produto”.
 
O rexedor burelés engadiu que “a Feira do Bonito é a XXXII edición, é unha feira importante no soamente a nivel de aquí da comarca senón a nivel galego, é a nosa intención darlle máis importancia aínda. Estamos a traballar moito e penso que dunha forma rigorosa e creo que efectiva para que esta feira sexa catalogada como feira de interese nacional”.
 
Llano salientou que “Produart tamén pensamos que é unha feira importante na que o que se van expor son produtos ecolóxicos, artesáns, produtos que realmente teñen que ver coa calidade de vida que agora mesmo se debe estender e explicar, pola calidade na alimentación e nos materiais que se usan nas casas para poder vivir a gusto e sen meterse para nada co medio ambiente”.
O alcalde burelés dixo que “é unha oportunidade de ver cuestións novidosas e degustar produtos que son realmente cultivados con procedementos naturais e ecolóxicos”.
 
Finalmente Alfredo Llano convidou “a todo o mundo que queira achegarse a primeira fin de semana do mes de agosto por Burela, vai ter unha oportunidade moi agradable de poder compartir e gozar do bonito e da feira Produart”.
 
No acto de presentación estiveron ademais do alcalde, o concelleiro de Turismo, a xerente da Fundación Expomar, representantes de Absa, da confraría de pescadores, da Acia local, de Fanto Fantini e de Ledicia.