O Concello de Cervo organiza programas de actividades infantís durante o verán: "Enredos de verán" e "Repasando en verán".

O Concello de Cervo organiza programas de actividades infantís durante o verán: "Enredos de verán" e "Repasando en verán".
 
O Concello de Cervo organiza os programas de actividades infantís Enredos de verán, que este ano está dedicado ás olimpíadas, e Repasando en verán.
 
A concelleira de Educación, Cultura e Xuventude, Dolores García Caramés, explicou hoxe que “o programa Enredos de verán, destinado a nenos e nenas que cursen desde 4º de Infantil ata 6º de Primaria, desenvolverase todas as mañás durante os meses de xullo e agosto. Nesta ocasión a temática son as olimpíadas infantís, aproveitando que este ano é olímpico. Practicarán diversos deportes con diferentes xogos e modalidades e tamén van facer talleres. Haberá actividades de atletismo, fútbol, baloncesto, tiro con arco, surf, irán á praia e á piscina, etcétera. As inscricións poden facerse na Casa da Cultura de San Ciprián ou chamando ao teléfono 691.656.600 ata o 30 de xuño e ese mesmo día haberá unha reunión para dar a coñecer os horarios; será ás 20:30 horas no auditorio da Casa da Cultura”. 
 
Dolores García engadiu que “en canto á iniciativa Repasando en verán, para alumnado de Infantil e Primaria, consistirá en facer fichas e repasar os contidos que deron durante o curso, pero dunha forma máis amena e de ocio. Pódennos dicir en que materias teñen algunha dificultade para repasar un pouco máis nelas. Realizarase en todas as parroquias do municipio, concretamente na Casa do Mar de San Ciprián, nas escolas de San Román, no local social de Trasbar, no Ecomuseo de Cervo, na escola de Rúa e na de Castelo. A documentación para inscribirse, que se enviou aos colexios, pode entregarse na Casa do Mar de San Ciprián ou na Casa do Concello de Cervo, pero tamén poden apuntarse chamando ao teléfono 691.656.600. O prazo remata o día 30 deste mes de xuño. Sobre a data de comezo e os horarios informarase mediante chamada telefónica aos inscritos”.