O Concello de Ribadeo convoca o concurso "Arte nas paredes" para seguir facendo máis agradable á vista a paisaxe urbana. Os artistas que queiran participar teñen ata o 22 de xuño para presentar as súas propostas.

O Concello de Ribadeo convoca o concurso "Arte nas paredes" para seguir facendo máis agradable á vista a paisaxe urbana. Os artistas que queiran participar teñen ata o 22 de xuño para presentar as súas propostas.
 
O Concello convoca o concurso Arte nas paredes co obxectivo de adecentar as fachadas dalgúns edificios de Ribadeo. O primeiro espazo a intervir é un inmoble da avenida Rosalía de Castro, que fai esquina con San Roque e a temática a plasmar deberá estar obrigadamente relacionada co auxe socioeconómico e cultural acontecido desde mediados do século XVIII e ata principios do XX en Ribadeo, tendo en conta o carácter comercial da vila e o legado da emigración. Os artistas que o desexen poden presentar os seus bosquexos ata o 22 de xuño. A obra gañadora terá que pintarse nesa fachada. Os gastos de instalación e os materiais necesarios para a súa realización correrán a cargo do Concello, segundo deu a coñecer hoxe o alcalde, Fernando Suárez. 
O rexedor explicou que “queremos seguir facendo máis agradable á vista a paisaxe urbana; en concreto queremos decorar o lateral dun edificio que fai esquina coa avenida Rosalía de Castro, coas rúa San Roque e Rodríguez Murias, nun dos cruces emblemáticos de Ribadeo. Por iso convocamos un concurso de ideas no que poden participar todos aqueles creadores ou creadoras que o desexen. Eles teñen que deseñar un bosquexo nun tamaño non superior a un metro cadrado, que será valorado por un xurado especializado, e a temática a tratar terá que centrarse nalgún aspecto relevante da actividade social, económica do Ribadeo dos séculos XVIII, XIX e principios do XX”.
Suárez Barcia contou que “o bosquexo gañador terá que ser plasmado no lateral deste edificio polo propio artista nesta superficie de aproximadamente 200 metros cadrados. Para iso contará coa achega dos materiais necesarios (pintura, estadas, etcétera) por parte do Concello. O premio será de 2.500 euros, destinados a cubrir o enxeño creativo e tamén a propia realización do traballo sobre o edificio”.
E engadiu que “todos aqueles artistas interesados con capacidade de propoñer unha obra que poida ser merecedora de entrar neste concurso e que logo, se resulta gañadora, terá que trasladalo a esa superficie para contribuír a facer de Ribadeo un lugar atractivo no que a vila en si sexa tamén unha estampa e unha obra de arte viva e natural”.