Ribadeo acollerá entre o 18 de decembro e o 10 de xaneiro unha pista de xeo natural para dinamizar as compras na vila. Organizan: Concello e Acisa.

Ribadeo acollerá entre o 18 de decembro e o 10 de xaneiro unha pista de xeo natural para dinamizar as compras na vila. Organizan: Concello e Acisa.
 
O parque de San Francisco de Ribadeo terá durante 23 días, entre o 18 de decembro e o 10 de xaneiro, unha pista de xeo natural, unha aposta do Concello e da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo para dinamizar o comercio ribadense no Nadal. Calquera persoa que se achegue a Ribadeo poderá patinar durante 45 minutos a un prezo de 6 euros, que se quedarán en 3 euros se previamente fixeron compras no comercio asociado da vila por un importe mínimo de 20 euros. Na mesma pista prestaránselles os patíns aos usuarios. A iniciativa foi presentada esta mañá polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, pola concelleira de Turismo, Comercio e Desenvolvemento Local, Ana Martínez, e o presidente de Acisa, Francisco Iriarte. 
 O rexedor dixo na presentación, que tivo lugar no salón de plenos do Concello, que “é un traballo que levamos conxuntamente no Concello de Ribadeo, dende as áreas de Comercio, Desenvolvemento Local ou Xuventude, e a Asociación de Comerciantes de Ribadeo. Sempre temos moi claro o noso obxectivo de apoiar a un dos sectores máis potentes do noso municipio, que xera moita vida e moito traballo, como é o sector dos servizos. Por iso queremos poñer en marcha de cara ao Nadal, para que Ribadeo siga sendo un referente, xa non só nunha ampla comarca da Mariña ou do Occidente asturiano, senón entre A Coruña e Oviedo, unha iniciativa lúdica, de lecer e, ao mesmo tempo, unha iniciativa que persiga atraer xente a Ribadeo, máis da que xa atrae de por si”. Suárez Barcia explicou que “se trata dunha iniciativa transversal, pensada para todos os públicos, que non é máis nin menos que unha pista de xeo natural, durante 23 días, dende o 18 de decembro ata o 10 de xaneiro. Queremos facelo para que haxa sempre un reclamo para vir a Ribadeo, un reclamo para pasear, para mercar, pero tamén para gozar, nenos, rapaces e adultos tamén. Non é cuestión infantil, é transversal, rapaces de 17 anos, nenos de 9 ano ou adultos de 45, que podan estar en sesións de 45 minutos nunha pista de xeo natural”.
Traer a pista de xeo a Ribadeo, afirmou o alcalde, “ten un custo elevado pero para iso por parte do Concello como tamén de Acisa, que pon o seu grao de area, contamos que unha gran parte desa inversión se poda recuperar coa venda das entradas. O Concello vai establecer un prezo de 6 euros por cada sesión, sen prexuízo dun acordo que fixemos con Acisa para precisamente dinamizar o comercio, e que a xente que merque no comercio local poda ter bonificación para entrar nesta pista de xeo”. A bonificación para compradores nos comercios de Acisa permitirá unha entrada a metade de prezo, a tres euros.
“Queremos polo tanto que nesta zona de poboación, tanto do Occidente de Asturias como da Mariña, collendo toda A Mariña e todo Occidente, sexa durante estes 23 días un reclamo obrigado vir a Ribadeo mercar, pasalo ben e que siga sendo a capital comarcal”, engadiu Fernando Suárez Barcia. 
Pola súa banda, o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, manifestou que “grazas a traer este Nadal a pista de xeo a Ribadeo creo que estamos marcando a Ribadeo coma un referente na Mariña e no Occidente asturiano. Penso que temos que empezar a traer cousas que sexan como máis importantes, que teñan máis tirón. Xa todos estes anos houbo moitas actividades, tivemos distintas propostas que nos foron saíndo moi ben. Agora temos que ir máis ao grande, facendo que Ribadeo sexa o punto de reunión de toda a zona”.
Iriarte contou que “chegamos a un acordo co Concello para que toda aquela persoa que veña a Ribadeo, que veña de compras, que merque nos locais asociados a Acisa cunha compra mínima de só 20 euros terá unha bonificación do 50% na entrada á pista de xeo, polo que o prezo lle quedaría en 3 euros. Son 45 minutos de goce na pista de xeo natural. Os que acudan disporán de patíns gratuitamente”. 
O presidente de Acisa destacou “o esforzo económico que realiza o Concello para contar con esta pista de xeo en Ribadeo. Acisa tamén realiza un esforzo importante, pero menor que o do Concello”.