Un curso de verán da USC abordará o impacto da prensa local na configuración do tecido social e político. Celebrase do 2 ao 4 de xuño en Humanidades en Lugo, no centro AFundación de Viveiro e na Fundación Ortegalia en Ortigueira.

Un curso de verán da USC abordará o impacto da prensa local na configuración do tecido social e político. Celebrase do 2 ao 4 de xuño en Humanidades en Lugo, no centro AFundación de Viveiro e na Fundación Ortegalia en Ortigueira.
 
‘O impacto da prensa local na configuración do tecido social e político. O caso de La Voz de Ortigueira’ é o título do curso da Universidade de Verán da USC 2016 que comeza o xoves 2 de xuño na Facultade de Humanidades do Campus Terra e no marco do que distintos relatores analizarán e debatirán o cometido que desenvolve a prensa local na actual era da globalización, así como a súa importancia para o desenvolvemento dunha comunidade.
 
Reflexionar sobre a importancia da prensa de proximidade e sobre a contribución que segue a prestar na actual configuración social e política e Galicia, constitúe outro dos cometidos deste foro, que prestará especial atención a dous referentes no xornalismo local e comarcal galego como o son La Voz de Ortigueira, unha publicación que está a conmemorar o seu primeiro centenario, e Heraldo de Viveiro.
 
Estruturado en 25 horas lectivas, distribuidas ao longo de tres xornadas, este curso da Universidade de Verán 2016 da USC dirixido polos profesores María Isabel González Rey e Xosé Lopez García, supón tamén unha fiestra para pensar sobre os retos actuais dalgunhas cabeceiras de prensa galegas, tales como El Progreso ou La Voz de Galicia.
 
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos, inaugurarán o xoves, ás 9.30 horas, este curso de verán, cuxa sesión de relatorios comezará ás 10.00 horas cunha intervención do xornalista e director xeral do Grupo El Progreso, José de Cora, quen fará unha exposición baixo o título ‘El Progreso, unha experiencia de 108 anos’.
 
A prensa comarcal, a incidencia da información e da comunicación no desenvolvemento da contorna, o semanario ¡Guau! ¡Guau! e a imprenta Fojo e a prensa ortegana, centrarán a temática dos relatorios programados na primeira xornada deste curso. Xa en quenda de tarde, as persoas inscritas neste programa poderán participar en visitas didácticas ás sedes de El Progreso, de La Comarca del Eo, e da delegación luguesa de La Voz de Galicia.
 
O programa de relatorios deste curso continuará na mañá do 3 de xuño na Facultade de Humanidades. O xornalista e colaborador de La Voz de Galicia Ernesto Sánchez Pombo abrirá a quenda de intervencións cunha exposición sobre o futuro da prensa local no mundo global. As experiencias audiovisuais de proximidade, o último medio século de Heraldo de Viveiro, a prensa local de Ribadeo e a prensa infantil e escolar na comarca do Ortegal capitalizarán a temática das intervencións de Ana Isabel Rodríguez, Juan Carlos Neira Brochs, Javier Ribera e Xosé Antonio Neira Cruz ao longo da sesión matinal.
A comitiva do curso desprazarse pola tarde ata Viveiro, onde logo de visitar a sede de Heraldo de Viveiro, o historiador e cronista local Carlos Nuevo Cal ofrecerá unha charla sobre a importancia da prensa local viveiresa e a súa interacción coa estrutura social e política na bisbarra. 
 
Unha visita a exposición conmemorativa organizada en Ortigueira co gallo do centenario de La Voz de Ortigueira cerrará o venres a programación dun curso que chegará ao seu colofón ao dia seguinte na sede da Fundación Ortegalia de Ortigueira, onde se desenvolverán ao longo de toda a xornada diversos relatorios e táboas redondas sobre a temática da prensa local e comarcal. O xornalista e escritor Ramón Pernas clausurará o curso, ás 19.00 horas co relatorio 'Crónica dun tempo'.