A XLVII Gran Tirada Concello de Viveiro de tiro ao prato disputarase o 15 de agosto

Este luns tivo lugar a presentación da XLVII Gran Tirada Concello de Viveiro, “unha das citas máis destacadas do calendario galego de tiro ao prato”, organizada polo Club de Tiro San Roque e que se celebrará o 15 de agosto no campo de tiro da cidade, anuncia o Concello de Viveiro.

A presentación contou coa presenza da alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, acompañada de Juan Casabella e Antonio Novo, membros da directiva do club organizador. A rexedora destacou a longa traxectoria desta proba, “que ano tras ano consolida a súa importancia no panorama deportivo e contribúe tamén a dinamizar a nosa vila durante o verán”.

A competición dará comezo ás 9:00 horas e prolongarase ao longo de toda a xornada. A tirada está limitada a 84 participantes, que xa cubriron a totalidade das prazas dispoñibles, “o que demostra a gran acollida e interese que esperta este evento”.

Repartiranse arredor de 6.500 euros en premios, distribuídos por categorías, ademais de trofeos específicos para damas, veteranos, veteranos máster e junior.

O Concello de Viveiro colabora con esta cita, “recoñecendo o labor do Club de Tiro San Roque e o seu compromiso coa promoción do deporte”.