
O Concello de Trabada anuncia a posta en marcha do Campamento de Nadal 2025-2026, unha iniciativa gratuíta dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos empadroados no municipio ou con familiares empadroados. O campamento desenvolverase do 22 de decembro ao 2 de xaneiro, en horario de 9:30 a 14:00 horas, e incluirá obradoiros, talleres, xogos e outras sorpresas, ofrecendo ás crianzas “un espazo seguro e educativo durante as vacacións escolares”.
As inscricións estarán abertas do 1 ao 16 de decembro nas oficinas do Concello. As prazas son limitadas.
O alcalde de Trabada destacou a importancia desta iniciativa como parte das políticas de apoio ás familias: “dende o Concello de Trabada organizamos un ano máis este campamento de Nadal, un programa de conciliación que ofertamos para as nosas familias e dedicado aos nenos e nenas de 3 a 12 anos. Vai ser totalmente gratuíto e o prazo de inscrición ábrese o luns 1 de decembro. Quero poñer en valor a implicación que temos coas familias de Trabada, e lembrar que este programa se suma a outros de conciliación que ofrecemos durante todo o ano, como o de Madrugadores e o Ludiseráns, e tamén nos meses de verán co campamento de verán e o campamento xuvenil”.
Con esta proposta o Concello “reforza o seu compromiso coa conciliación familiar, o apoio á infancia e o desenvolvemento de actividades educativas e de lecer que contribúan ao benestar da comunidade”.


